O tren que me leva

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, Renfe Viaxeiros, ADIF, Leite Noso, Editorial Galaxia e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES de Arzúa únense nun programa de homenaxe a Carlos Casares construído arredor do interese polo tren que mostraba o autor das Letras 2017 e o papel relevante que este medio de transporte tivo na súa vida.

O Expreso da Literatura levou no ano 2000 a Carlos Casares e outros escritores do Vello Continente a percorreren Europa co obxectivo de difundiren a súa obra. O alumnado e o profesorado do IES de Arzúa lembran e emulan a pequena escala aquela viaxe relevante para a normalización da creación literaria en lingua galega cunha excursión que os leva en tren dende Santiago a Ourense para facer, na estación da Cidade das Burgas, unha solta de 90 libros da Biblioteca Carlos Casares (Vento Ferido, Ilustrísima, O sol do verán, Os mortos daquel verán) entre os viaxeiros. A continuación, os estudantes terán ocasión de percorrer o Roteiro Carlos Casares, deseñado polo escritor e investigador Afonso Vázquez Monxardín, quen será o guía do alumnado ao longo de18 puntos emblemáticos da cidade de Ourense que foron especialmente relevantes na vida do autor das Letras.

As accións iniciadas o 18 de maio non se restrinxen a este día. Por unha banda, os libros que nesta xornada se poñen en circulación seguirán correndo entre os viaxeiros por tempo indefinido. Por outra banda, durante un mes 11 trens de alta velocidade dos corredores A Coruña-Santiago de Compostela-Vigo e A Coruña-Santiago de Compostela Ourense levarán repousacabezas coa imaxe institucional do Día das Letras Galegas. Por último, nas estacións de tren das sete cidades galegas haberá carteis que difundirán a traxectoria e a obra de Carlos Casares.