Volver

Actividades Desaparafusador de gominola

Para a primeira edición do programa “O galego campa” nos campamentos de verán 2011, a Secretaría Xeral de Política Lingüística produciu un disco orixinal (titulado Desaparafusador de gominola) con cancións de estilos diversos (funky, folk, rap...), compostas e interpretadas por profesionais da música galega de primeira liña.

O disco, que actúa como fío condutor do programa, vai acompañado dunha proposta de actividades variadas para desenvolver nos campamentos, con dinámicas lúdicas que pretenden favorecer o desenvolvemento do xogo en galego por parte dos rapaces e rapazas asistentes. Estas actividades, realizadas por Tagen Ata, constrúense sobre metodoloxías habituais neste tipo de espazos, nos que se poden levar a cabo actividades distendidas nun clima aberto, sen descoidar a reflexión e a aprendizaxe e favorecer unha relación de respecto e valoración positiva do contorno e das características culturais e sociais de Galicia. As actividades deste ano teñen como destinatarios principais os nenos e nenas de 9 a 12 anos.

Os monitores e monitoras, desde a súa posición de axente formador, teñen a posibilidade de difundir e sensibilizar nos valores máis positivos da sociedade e de favorecer dinámicas entretidas e divertidas para os rapaces e rapazas. Ao mesmo tempo, contribúen a que estes desenvolvan as máis diversas habilidades, entre elas, tamén as da comunicación. Este labor debe fortalecerse a través da formación previa dos monitores e as monitoras, polo que este programa vai precedido dunha sesión formativa desenvolvida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude, para que a dirección dos campamentos e os monitores e monitoras coñezan os recursos e a metodoloxía propostos neste programa e, así, facilitarlles tamén a realización da súa tarefa.