Volver

Xornadas Ramón Piñeiro e Koldo Mitxelena no seu centenario

No centenario do nacemento de ambos os intelectuais, o Consello da Cultura Galega e mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, organizan este encontro como homenaxe a ambos, ao tempo que abren o diálogo á situación das distintas linguas do territorio estatal no marco da España dos nosos días.

Neste 2015 cúmprese o centenario de Ramón Piñeiro e Koldo Mitxelena, dous persoeiros fundamentais na historia recente das culturas galega e vasca que, amais, foron bos amigos e compañeiros de angueiras en diversas xeiras persoais e públicas.

.Ramón Piñeiro foi un pensador e ensaísta fundamental para a comprensión do galeguismo de posguerra. Filósofo de formación, a súa persoa é clave para entender moitas das plataformas culturais e institucionais da Galicia actual.

Da súa parte, Koldo Mitxelena é un dos pais da filoloxía vasca moderna e chegou a ser un mestre no coñecemento do indoeuropeo, disciplina na que foi catedrático na Universidade de Salamanca.

Un e outro viviron intensamente os tempos da transición democrática, axudaron de xeito decisivo a que os seus territorios se constituísen en autonomías e loitaron sempre a prol das linguas galega e éuscara.

Estas xornadas son unha continuación do curso de verán que a primeiros do pasado mes de setembro tivo lugar en Donosti baixo o título ‘O lugar do éuscaro e das demais linguas nun contexto multilingüe, á luz das achegas de Koldo Mitxelena e Ramón Piñeiro’, encontro organizado polo Eusko Jaurlaritza-Goberno Vasco e a Xunta de Galicia en colaboración coa Universidade do País Vasco/Euskal Herriko Univertsitatea e mais a Viceconsellería de Política Lingüística de Euskadi.

Inscrición: 

www.consellodacultura.gal/difusion@consellodacultura.gal
Actividade gratuíta
As 100 prazas existentes cubriranse por orde de inscrición
Entregarase diploma de asistencia