Volver

IX Edición do Concurso de Microrrelatos “Ribeira Sacra-Parada de Sil”

O Concello de Parada de Sil convoca a Novena Edición do Concurso de Microrrelatos “Ribeira Sacra-Parada de Sil” 2021, que estará aberta para a presentación de traballos ata o próximo 30 de marzo de 2021. O fallo do xurado darase a coñecer o 7 de maio, en tanto que a entrega de premios terá lugar o 15 do mesmo mes no salón de actos do Concello, durante o acto de celebración das Letras Galegas que cada ano celebra o Concello de Parada.

De acordo coas bases, o certame concederá tres premios, o primeiro dotado con 1.000 euros; o segundo, con 500 euros e o terceiro con 300 euros. O xurado, como é habitual, estará presidido polo escritor, catedrático e hispanista Antonio Carreño e integrado por persoas de recoñecida solvencia no mundo das letras e a literatura.

A gañadora da última edición (2020) foi a palentina Encarna Ruíz Rodríguez, co traballo “Una vida de película”, baseado no título de filmes recoñecidos no mundo do cinema. A autora fíxose co premio despois de que o xurado considerara a súa obra a mellor dos 1.044 traballos presentados a concurso, que supuxeron un récord de participación e tamén de lugares de procedencia, que abarcaron todas as comunidades españolas, Europa, América e ata Israel.

A entrega de premios da anterior VIII edición desenvolveuse nun acto atípico, adaptado ás normas restritivas derivadas da pandemia da COVID 19. Neste senso, tanto o alcalde, Aquilino Domínguez, como o concelleiro de Cultura, Francisco Magide, amosan a súa confianza de que na edición de 2021 sexa posible recuperar a normalidade para a cerimonia de entrega de premios e de celebración das Letras Galegas, que pola súa importancia e repercusión xa ten acadado un lugar destacado no panorama literario e cultural da provincia de Ourense.

Para calquera dúbida enviar correo a concello@paradadesil.es