Volver

Premio Xoán Manuel Pintos

O Concello de Pontevedra convoca a edición 2018 destes galardóns, que teñen como obxectivos recoñecer a aquelas persoas, empresas, asociacións ou entidades que, coa súa actuación, axudan a impulsar a presenza da lingua galega na sociedade pontevedresa en particular e mais na galega en xeral, así como manter viva a memoria do xurista e escritor Xoán Manuel Pintos, figura central do Rexurdimento.

  • Xoán Manuel Pintos

    Xoán Manuel Pintos

Destinatarios: poderase outorgar este premio a calquera persoa, empresa, asociación ou entidade radicada en Galiza, entendendo como tales aquelas que teñan a súa sede social ou residencia no territorio da Comunidade Autónoma e aquelas que teñan unha especial incidencia ou desenvolvan a súa actividade no concello de Pontevedra.

Galardóns

  • Un premio que se lle concederá a unha persoa, empresa, asociación ou entidade que destacase pola súa traxectoria na promoción e normalización da lingua galega, ou pola promoción de actividades que implicasen o espallamento da lingua galega durante os últimos dous anos.
  • Un premio que se lle concederá a unha persoa, empresa, asociación ou entidade que, dun xeito continuado ao longo da súa traxectoria profesional e/ou vital, destacase na promoción e normalización da lingua galega ou que promovese actividades que implicasen o espallamento da lingua galega.
  • Un premio que se lle concederá a unha persoa, empresa, asociación ou entidade que destacase na promoción e normalización da lingua galega ou que promovese actividades que implicasen o espallamento da lingua galega.

O Premio Xoán Manuel Pintos non ten dotación económica. Os galardoados recibirán un pergameo acreditativo e poderán reflectir na súa actividade normal a posesión desta distinción.

Vía e pazo de presentación

O xurado escollerá este premio entre as propostas presentadas por persoas físicas, xurídicas, agrupacións ou entidades, no enderezo web pontevedra.gal/premio-Pintos18 ata o 14 de febreiro. A entrega dos premios realizarase o día 15 de marzo, nun acto público.