Volver

Digalego

O contido do Dicionario de galego en Internet ten como base de partida o Dicionario normativo, editado por Ir Indo Edicións e que foi elaborado seguindo as regras ortográficas e morfolóxicas acordadas pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega en xullo de 2003, con base léxica no Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLGa). Debe terse en conta que se trata dun traballo pechado que non está sendo actualizado nin corrixido.

As entradas de léxico común preséntanse acompañadas da etimoloxía. Entre paréntese, indícase a lingua de orixe, mediante unha abreviatura e o termo de procedencia. Este pode ir en alfabeto latino ou calquera outro, neste último caso manterá a forma orixinal e a tradución.

O dicionario incorpora un gran número de palabras non recollidas na tradición lexicográfica galega no momento da súa creación, como neoloxismos científicos e técnicos que responden a conceptos non recollidos, descoñecidos ou moi pouco empregados.

Digalego desenvolve todos os verbos coa súa conxugación, ademais de considerar como entradas todas as formas verbais. Cando o verbo presenta alternancia vocálica indícase, despois da forma conxugada, o timbre aberto ou pechado da vogal tónica mediante corchetes e segundo o alfabeto fonético internacional (AFI).

As entradas tradúcense a tres linguas: portugués (port), castelán (cast) e inglés (ingl), respectivamente, e preséntanse entre corchetes, tras o étimo. De cada entrada tradúcense as de uso máis frecuente e ordénanse polo número de acepción.