A voz presente
Exposición sobre a vida, a obra e o pensamento de Ricardo Carvalho Calero promovida pola Associaçom Galega da Língua (AGAL) e a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.
A mostra, comisariada por Carlos Quiroga e Xosé Luís Rodríguez, foi deseñada e promovida por Ouvirmos S.L. co obxectivo de difundir e poñer en valor as dimensións artística, humana e intelectual do autor a quen se lle dedica este 2020 o Día das Letras Galegas.
Os cinco primeiros paneis da mostra presentan unha liña do tempo con datos relativos ao percorrido vital do autor, os espazos onde este se desenvolveu, as circunstancias políticas que o rodearon e a súa obra. A continuación, outros cinco paneis céntranse en cadanseu aspecto da súa figura e do seu legado. O primeiro deles aborda o seu traballo como filólogo e divulgador, tanto da literatura como da lingua galega. O segundo, “A obra”, ocúpase da súa faceta de creador literario. “Lugares vitais” analiza a súa relación con Ferrol, Lugo e Santiago de Compostela. “Reintegracionista” ocúpase da súa posición con respecto á norma ortográfica do galego, en tanto que “Intelectual honesto” mostra a súa actitude vital independente, crítica e comprometida ao longo dos anos. Tal e como o título da exposición indica, procurouse que fose o propio autor homenaxeado quen –a través de citas de obras literarias, artigos, entrevistas concedidas...- falase directamente de si mesmo e da súa obra.
A exposición en formato físico iniciará a súa itinerancia por varios puntos de Galicia e de Portugal cando as circunstancias motivadas pola Covid-19 o permitan. Polo momento, aquí poden verse os paneis que a compoñen en formato dixital, tanto en alta calidade como en baixa resolución, para facilitar o seu manexo e accesibilidade.
AXENDA
DATAS | ESPAZO | LOCALIDADE |
Do 15 ao 30 de xuño | Centro Comarcal Pazo Santomé | Mondoñedo |
Do 1 ao 15 de xullo | Museo do Mar de Galicia | Vigo |
Do 14 ao 28 de agosto | Biblioteca Pública de Lugo | Lugo |
Do 1 ao 15 de setembro | Casa dos Poetas | Celanova |
Do 17 de setembro ao 1 de outubro | Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés | A Coruña |
Do 3 ao 17 de outubro | Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal | Santiago de Compostela |
Do 20 de outubro ao 3 de novembro | Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola | Pontevedra |
Do 5 ao 19 de novembro | Fundación Cultural Ramón Otero Pedrayo | Trasalba (Amoeiro) |
Do 21 de novembro ao 5 de decembro | Biblioteca Pública Municipal de Ribadavia | Ribadavia |
Do 8 ao 22 de decembro | Biblioteca Publica de Ourense Xeración Nós | Ourense |
Paralelamente, Ferrol e Santiago, dúas cidades de referencia para Ricardo Carvalho Calero, onde comezou e rematou a súa vida, acollerán unha versión estendida da mostra nas seguintes datas:
Datas | Espazo | Localidade |
Do 2 de outubro a 22 de novembro | Centro Cultural Torrente Ballester | Ferrol |
Do 2 a 31 de decembro | Auditorio de Galicia | Santiago de Compostela |