Volver

#ACULTURASEGUE

XVII Festival de Cine de Cans. Asociación Cultural O Porriño

Iniciativa realizada ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21.

Trece vídeos, no seu día retransmitidos en directo, que recollen o máis relevante da 16 edición do Festival de Cans, o cal tivo que restrinxir o seu aforo na última edición por mor da pandemia e optou por chegar ao resto do público a través do audiovisual.

O de Cans de cine é un dos festivais máis relevantes de Galicia e posiblemente o evento cultural rural máis importante da nosa comunidade.

1.Produción "16 Cans" de Isaura Docampo

Documental sobre o Festival de Cans, a súa proxección, os seus visitantes ilustres, as creadores e creadores que impulsa etc. Un interesante e intenso traballo ao longo de varios meses, das realizadoras Isaura Docampo e Noemí Patiño sobre o proceso do festival e a súa singularidade.

2. Coloquios AISGE: Chano Piñeiro, descubridor de actrices e actores

Unha das accións para conmemorar os 25 anos da morte do pai do cinema galego contemporáneo foi un coloquio arredor das mulleres no cinema de Chano Piñeiro, coa presenza da súa viúva, Mari Luz Montes, e dos actores Uxía Blanco e Miquel Insua. Inclúe a proxección de Mamasunción.

3. Masterclass: Subtitulado e accesibilidade

O profesor da Universidade de Vigo e realizador Pablo Romero-Fresco é un dos grandes investigadores sobre o subtitulado e como este pode potenciar a difusión dos filmes rodados en linguas minoritarias. Un dos últimos exemplos nos que traballou o profesor Romero-Fresco foi no filme “Ons” de Alfonso Zarauza, que se estreará proximamente. Cans xuntou nun encontro inédito a ambos,  investigador e cineasta, para debater sobre como os subtítulos poden cambiar o rumbo dun filme.

4. Mesa Proxecta: Festivais e territorio

Coloquio copromovido pola Coordinadora Galega de Festivais de Cinema Proxecta. Contou coa presencia de Ángel Sánchez, director de Play-doc; Luís Sousa Ferreira, ata datas recentes director do festival de música Bons Sons, e June Lake, programadora de Cinebus.

5. Coloquios AISGE: Intérpretes por azar

Cando se cumpría un ano da estrea do filme O que arde, que variou o rumbo do cinema galego actual, analizouse o cambio que supuxo para os seus dous protagonistas, Benedicta Sánchez (gañadora do Goya pola súa interpretación) e Amador Arias.

6. Coloquios Lendocine

Lendocine é unha sección arredor do cinema e dos libros que falan ou se inspiran nel. Un encontro para unir cine e literatura galega, nun formato áxil de 5 autores que dispoñen dun máximo de 12 minutos para presentar os seus libros, difundilos e compartilos co público.

7. Café con CREA

Encontro no Baixo de Bugarín con realizadores e realizadoras da asociación de realizadores de Galicia (CREA). En cada edición convídase a un realizador ou realizadora para compartir experiencias. Nesta ocasión a conversa foi coa cineasta Julia Juániz.

8. Coloquios AISGE: Dobraxe, a interpretación invisible

Derradeiro dos coloquios AISGE do XVII Festival de Cans, en que se falou da dobraxe e da importancia para a normalización lingüística. Contou coas presenza dos dobradores Monti Castiñeiras, Ana Santos e Xerardo Couto.

9. A que andas

Esta é unha das seccións que máis entusiasman ós seguidores de Cans. Unha sección onde se da valor á palabra, e se dan a coñecer proxectos de filmes, que están na última fase de guión, antes de comezar a rodarse. Asistiron 6 autoras e autores, cada un cun tempo máximo de 15 minutos para avanzar o seu proxecto. Este ano asistiron guionistas e directores como Hugo Amoedo, Anxos Fazáns, Ángel Filgueira, Rubén Coca, Ángel Santos e Manane Rodríguez, que presentaron os seus últimos proxectos. 

10. Fillxs de Cans

Unha das seccións estrela do festival, que consiste no avance de fragmentos inéditos de filmes que aínda non se estrearon, comentados polos propios directores e directoras. Por aquí pasaron moitos dos grandes proxectos do cinema galego dos últimos anos. Coa presenza de Xavier Bermúdez, Chelo Loureiro, Andrés Sanjurjo, César Souto ou Alfonso Zarauza.

11. Coloquio con Oliver Laxe

A Leira de Alicia, o espazo máis especial de Cans, recibiu nesta edición o cineasta Oliver Laxe, o realizador que acadou os máis grandes fitos na historia do cinema galego. Laxe tomou o relevo na Leira doutros cineastas como Isabel Coixet, Fernando León ou Fernando Trueba.

13. A canteira de Cans

En cada edición do festival, organízase un obradoiro de guión e edición coa finalidade de realizar un documental que rescate a memoria de aldea. Este ano, o traballo versou sobre A Canteira de Cans, unha histórica empresa de granito que foi o motor da económico da aldea nos anos 50 e 60. Dez persoas de diferentes idades traballaron neste proxecto documental, coordinados polo realizador Juanma Lodo.