Volver

AULA DE GALEGO. LIBRO DO PROFESORADO

Unidade 7. A comer!

Ensínelles aos seus estudantes a fotografía da páxina 56 e pregúntelles que prato están a preparar as dúas mulleres (polbo á feira).

Pregúntelles se o comeron algunha vez e se lles gusta. A continuación, pregunte pola situación que se amosa na fotografía: Onde se atopan as mulleres? Sabedes como son coñecidas? Acepte propostas como nunha feira ou nunha festa e polbeiras. Se os seus alumnos e alumnas non estivesen familiarizados coa situación reflectida, pode comentar vostede que en todas as feiras e festas populares en Galicia están presentes os postos para comer polbo.

Deixe que pregunten outras cousas que lles poidan chamar a atención na imaxe e, logo, presente os obxectivos e a tarefa final da unidade: decidir o menú para unha cea con toda a clase.