AULA DE GALEGO. LIBRO DO PROFESORADO
Unidade 8. Guía de ocio
Móstrelles aos seus estudantes a fotografía da páxina 65 e pregúntelles onde se atopan esas persoas (nun parque)
Pregúntelles que actividades se poden levar a cabo nun lugar así: estar cos amigos, pasear, xogar… Recolla no encerado as actividades que lle digan e aproveite para introducir a palabra ocio (de ser necesario no seu contexto de aprendizaxe). Interésese despois polas actividades de ocio que practican os seus alumnos e alumnas.
Lea en voz alta o título da unidade e pregúntelles se saben a que se refire. Acepte as respostas que fagan referencia a calquera publicación (impresa ou dixital) que ten como obxectivo informar das actividades de entretemento que teñen lugar nunha cidade.
Por último, informe dos obxectivos e da tarefa final da unidade: planificar un día de ocio nunha cidade galega.