Volver

CELGA 2

Curso Celga 2 en liña

O curso Celga 2 en liña que a Secretaría Xeral de Política Lingüística pon en marcha por primeira vez en 2020 súmase aos cursos a distancia preparatorios para as probas de nivel Celga 1, Celga 3 e Celga 4 xa existentes, co fin de facilitar o acceso á formación en lingua galega da poboación adulta sexa cal for o lugar onde viva e a ocupación e horario que teña

Os obxectivos e contidos do curso Celga 2 en liña correspóndense cos do nivel B1 do Marco europeo común de referencia para as linguas. Para alcanzar este nivel, o curso emprega textos, vídeos e audios en diferentes tipos de actividades prácticas, de acordo coa pedagoxía construtivista social que o guía e que implica a colaboración, o papel activo do discente e a reflexión crítica.

A través dunha interface de navegación sinxela, lixeira, eficiente e intuitiva, o alumnado accede a unha das 8 unidades do curso, organizadas arredor dunha tarefa principal:

  • Unidade 1: Hai que comezar. Aprendemos a dicir como somos fisicamente e a falar de hábitos e accións.
  • Unidade 2: Momentos especiais. Falamos de recordos importantes
  • Unidade 3: Busque e compare. Deseñamos e presentamos unha campaña publicitaria.
  • Unidade 4: Mañá. Imaxinamos como seremos dentro duns anos.
  • Unidade 5: Iso non se fai. Establecemos as normas da nosa clase.
  • Unidade 6: Mensaxes. Nesta unidade transmitimos mensaxes e desenvolver estratexias de comunicación.
  • Unidade 7: Vai e dille... Contamos chistes e resumimos o argumento dunha película.
  • Unidade 8: Basta xa! O curso péchase coa redacción dun manifesto a favor da igualdade entre mulleres e homes.

O curso está pensado tanto para a aprendizaxe en liña como para complementar a aprendizaxe presencial.

Requisitos técnicos para acceder ao curso

As persoas que desexen participar nun destes cursos de teleformación deben dispoñer do seguinte equipamento informático:

  • Un ordenador con conexión a Internet
  • Conta de correo electrónico (que deberá coincidir coa sinalada na solicitude de participación)
  • Micrófono ou calquera medio alternativo que permita a gravación de voz