Volver

#ACULTURASEGUE

Brincadeiras da lingua. Migallas Teatro

Obra realizada ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21.

Serie de dez divertidos programas audiovisuais que teñen como obxectivo dar a coñecer a enorme riqueza e variedade de ditos e recitados infantís que existen en galego e que acompañan desde hai séculos as brincadeiras da cativada e mais a transmisión familiar da lingua.

Cada capítulo está dedicado a un tipo de ditos consonte a súa función: caricias no colo, para xogar coas mans, para abanear e cabalgar, para durmir e espertar, recitados dialogados, para acompañar xogos, para facer bromas, oracións de risas, disparates e trabalinguas. En todos eles, Migallas Teatro anima a gozar practicando estas brincadeiras que foi recollendo ao longo dos anos na páxina web www.orellapendella.gal.

Caricias no colo

Para xogar coas mans

Son moitos e moi variados os ditos e xogos que teñen como protagonistas as mans e os dedos. Alén da súa función lúdica, con eles podemos aprender os nomes dos dedos, facer bromas e mesmo contar contos de lambóns.

Para durmir e espertar

Que arrolos máis bonitos temos para durmir os meniños e as meniñas! Velaquí unha pequena mostra acompañada por ditos que chaman polo sono ou que animan a espertar de todo e erguerse da cama. Nestes non podía faltar Pedro Chosco.

Recitados dialogados

Neste capítulo de Brincadeiras da lingua podemos escoitar unha pequena mostra de recitados dialogados. A súa función lúdica reside na capacidade de chegar ao final do recitado sen se trabucar ou tamén poden servir para acompañar algún xogo.

Para acompañar xogos

Hai que ver cantos xogos tradicionais temos para pasalo de marabilla cos amigos e amigas! E para gozar máis deles, non podía faltar unha chea de ditos ben xeitosos e mesmo curiosos. Temos para botar ás sortes; para atinar; para bailar; para xogar á pita cega; para saltar á corda...

Para facer bromas

Tampouco vos está nada mal pasalo ben facendo bromas verbais sinxelas uns aos outros. Desta clase temos ben delas en galego e, como hai tantas, todo o mundo pode andar de brincadeira sen que ninguén se enfade. Cómpre andarmos espelidos para non caer no engano!

Oracións de risas

Velaquí o capítulo de Brincadeiras da lingua máis irreverente. Ata hai ben pouco, todos os nenos e nenas tiñan que memorizar unha chea de oracións que ás veces se lles facían algo aburridas. Como era de esperar, a inocente imaxinación infantil deu lugar a versións ben divertidas.

Disparates

Nas Brincadeiras da lingua tamén vos ten que haber un programa dedicado aos disparates inventados coa finalidade principal de provocar a risa en quen os escoita e demostrar o enxeño de quen os crea.

Trabalinguas

No derradeiro capítulo de Brincadeiras da linguaconvidámosvos a superar uns retos ben difíciles! En ocasións haberá que dicir os ditos varias veces seguidas sen coller aire , ou ser quen de pronunciar divertidos trabalinguas.