Volver

Portal xurídico galego

Portal xurídico galego

En prol dun dereito na lingua propia de Galicia.

Baixo a denominación de 'Portal xurídico galego e base de datos de lexislación galega consolidada’, este recurso telemático recolle a totalidade da lexislación galega consolidada e comentada, desde a preautonomía á actualidade. Ademais das leis, o portal acolle tamén gran parte dos decretos do executivo galego e unha cantidade importante das ordes das consellerías.

  • Portal xurídico galego

    Portal xurídico galego

Por outra banda, o web serve como punto de acceso a distintos recursos xurídicos, preferentemente en lingua galega, xa dispoñibles na actualidade pero dispersos. Deste xeito, é a porta de entrada tanto a publicacións oficiais (Diario Oficial de Galicia, Boletín Oficial do Estado, boletíns provinciais etc.), como a páxinas de diversas institucións que producen información xurídica de relevancia.

Para facilitar o acceso ao contido dispoñible o portal incorpora un sistema de buscas, tanto nos distintos campos de cada norma como no propio texto da mesma, de tal forma que o usuario poida atopar a que máis se axusta á súa consulta. Ademais, as normas aparecen codificadas de xeito sistemático por grandes bloques de materias, o que permite o acceso rápido ao conxunto delas nun determinado eido.

O web ofrece tamén un bloque de novidades no que se irán publicando novas de interese relacionadas co dereito de Galicia -tanto lexislativas como xuriprudenciais, informes etc.- útil para manter unha actualización permanente sobre o dereito propio.

O proxecto comezou a desenvolverse no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da Consellería de Cultura e Educación, a través do denominado ‘Código de dereito galego en liña’ e materializouse mercé ao esforzo coral e traballo conxunto da dita consellería -por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística- da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza -por medio da Dirección Xeral de Xustiza-, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, do Parlamento de Galicia e da Universidade de Santiago de Compostela.