Volver

Galicia Nomeada

A plataforma Galicia Nomeada, cuxa versión de escritorio xa é accesible e que proximamente estará dispoñible para móbiles Android e iOS, permite a colaboración da cidadanía na recolleita da nosa microtoponimia,a introdución nunha base de datos, a xeorreferenciación e a difusión a través dun visor de topónimos que formará parte do novo portal da Toponimia de Galicia.

A través dunha interface sinxela e intuitiva, permitirá introducir e localizar microtopónimos de forma individual, aos que se lle poderá engadir unha imaxe, arquivos de son e vídeo (formatos mp3 e mp4) e textos explicativos, como descricións, lendas asociadas, fontes, ligazóns... Todo isto achegará un gran valor informativo ao xa rico patrimonio toponímico do país. Cada un dos novos topónimos que se introduzan na plataforma será supervisado por un equipo de especialistas do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, que contrastará e verificará a súa existencia. Unha vez validado cada un destes nomes de lugar, pasarán a formar parte do banco de topónimos normalizados de toda Galicia e estarán dispoñibles a través do visor de topónimos. Estes datos servirán de referencia para os traballos da Administración pública que implican actuacións sobre o territorio, para o mundo da investigación, para o sector empresarial e para a sociedade en xeral.

Quen desexe colaborar no proxecto ten ao seu dispor un formulario de contacto, onde, alén dos seus datos persoais, deberá indicar os motivos que o levan a participar no proxecto e os lugares, aldeas ou concellos nos que vai traballar. Desde o equipo técnico do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega contactarán tan axiña como for posible con cada persoa para explicarlles as necesidades do momento e dala de alta no sistema.