Volver

Falamos!

Falamos! é unha guía de acompañamento lingüístico destinada á aprendizaxe do galego a través da conversa. Este manual básico recolle vocabulario pertencente aos contextos comunicativos máis habituais e conta cun apoio gráfico importante:

Conta con equivalencias en francés e en inglés. Comeza cunha pequena introdución explicando aspectos básicos de Galicia: localización, poboación, economía, climatoloxía, historia, turismo e lingua, para despois pasar a traballar na conversa. A guía traza un percorrido desde os aspectos máis básicos das situacións comunicativas comúns (como saudar ou cales son as respostas breves máis frecuentes), ata aspectos máis desenfadados, como maneiras de facerlle as beiras a un mozo ou moza.

Conta tamén cun vocabulario básico: días da semana, meses do ano, horas... E tamén entra no vocabulario propio da nosa gastronomía, para que o usuario adquira competencia en situacións comunicativas como pedir correctamente nun restaurante grelos, cogomelos ou sardiñas, e sobremesas como as filloas ou o queixo con marmelo.

A guía tampouco esquece cuestións como ir á consulta do médico cando un está mal e tamén vocabulario relacionado coas novas tecnoloxías.

A edición conta cun apéndice gramatical para ter claras as letras do alfabeto galego e como se pronuncian, con exemplos concretos. Resume tamén as regras relativas ao masculino e ao feminino, ao singular e ao plural, os artigos, os pronomes... E péchase cunha escolma de recursos na rede de interese como dicionarios, tradutores automáticos e as normas ortográficas e morfolóxicas do galego.

Falamos! é un material de apoio para o programa Volangteers.