Volver

CELGA 1

Curso Celga 1 en liña

O curso Celga 1 en liña que a Secretaría Xeral de Política Lingüística pon en marcha este 2021 renova e actualiza o existente ata agora e súmase aos cursos a distancia preparatorios para as probas de nivel Celga 2, Celga 3 e Celga 4. Esta nova versión terá unha modalidade titorizada para a que cómpre inscrición previa e outra de autoaprendizaxe dispoñible en aberto e de forma permanente no Portal da Lingua Galega, co cal se garante un acceso ilimitado á aprendizaxe do galego en calquera momento e desde calquera lugar. Nesta segunda modalidade as persoas usuarias van avanzando grazas aos exercicios de autorresolución e aos exemplos de resposta. Outra novidade está no feito de que parte dos materiais están adaptados á lectura fácil e, así, todas aquelas persoas que teñan dificultades lectoras e/ou de comprensión verán como o acceso á aprendizaxe lles resulta máis doado.

Os obxectivos e contidos do curso Celga 1 en liña correspóndense cos do nivel A2 do Marco europeo común de referencia para as linguas. Para alcanzar este nivel, o curso emprega textos, arquivos de voz e vídeos nas diferentes actividades presentadas, de acordo coa pedagoxía que implica a colaboración e o papel activo do discente. Ademais, cada unha das unidades remata cun vídeo interactivo en que van inseridos contidos e exercicios que serven para afianzar e repasar todo o aprendido na unidade.

Grazas a unha interface de navegación sinxela, lixeira, eficiente e intuitiva, calquera persoa interesada neste curso pode acceder a cada unha das 12 as unidades do curso, organizadas arredor dunha tarefa principal:

Unidade 1: O galego e ti. Coñeceremos outras persoas que tamén estudan galego e farémoslles recomendacións para que o poidan aprender mellor.

Unidade 2: Eu son así. Presentaremos os nosos amigos e amigas e preguntaremos sobre gustos, intereses e experiencias.

Unidade 3: A miña casiña, o meu lar. Imos deseñar unha casa ideal e buscar unha persoa para compartir piso.

Unidade 4: Día a día. Veremos cales son os hábitos das nosas amigas e amigos que tamén fan o curso.

Unidade 5: Cal prefires? Imos facer unha lista das cousas que necesitamos para pasar unha fin de semana fóra e decidir como as conseguimos.

Unidade 6: Que sabes facer? Imos escoller as persoas que fagan de chofer, de cociñeiro e de guía turístico para pasar unha fin de semana de acampada por Galicia.

Unidade 7: A comer! Vas convidar a xantar na túa casa un par de amigas.