II Coloquio 'Mulleres galegas en Cuba: legado e transcendencia'

Actividade do CEG da Habana.

O Coloquio ‘Mulleres galegas en Cuba: legado e transcendencia. Homenaxe a Mercedes Vieito Bouzas’ promovido e coordinado pola Cátedra de Cultura Galega defínese como un espazo de recuperación das achegas das mulleres galegas e descendentes cunha meritoria traxectoria intelectual e cultural á conformación da memoria histórica no ámbito cubano, así como aquelas cubanas cuxo impacto e transcendencia tamén se deixou ver na sociedade galega.

Este ano 2024, co gallo do centenario do hospital “Concepción Arenal” da Sociedade “Hijas de Galicia”, o 12 de outubro de 1924, e do 150 aniversario do natalicio de Andrea López Chao, dirixente desa institución, a Cátedra de Lingua e Cultura Galegas da Universidade da Habana presenta o coloquio ‘Mulleres galegas en Cuba. Legado e transcendencia’.

Este II coloquio enfócase en Mercedes Vieto Bouza (La Habana, 1887-1960), galega nacida en Cuba, filla e muller de galegos das Somozas, mestra, xornalista, empresaria e feminista incansable. Fundou a escola primaria “Aurora” para nenos e nenas, escribiu en varios xornais habaneiros, dirixiu “Eco de Galicia” e a empresa de publicidade “Galiciana”. Respectada e querida pola comunidade galega da illa, recibiu en 1923 a homenaxe do Centro Gallego de La Habana, foi cofundadora da sociedade “Aurora de Somozas” así como presidenta de honra desta e varias máis. Xunto a Curros Enríquez e Fontenla Leal, foi membro protectora e correspondente da RAG desde a súa creación (1906) e de numerosas institucións galegas de Cuba.

Esta homenaxe é promovida pola súa neta Rosa González López, historiadora, investigadora e biógrafa, colaboradora da Oficina del Historiador de la Ciudad, a Academia de Ciencias, a Cátedra Felipe Poey da UH e a Fundación Antonio Núñez Jiménez.

O evento ten lugar o luns 11 de novembro, ás 9:00 horas (Cuba), no Palacio del Segundo Cabo.

Documentos relacionados