-
O galego... promovelo
- Rede de Dinamización Lingüística
-
Equipos de Dinamización da Lingua Galega
- Todos os recursos
- Recursos didácticos
- Publicacións
- Audiovisuais e música
- Blogs e recursos na rede
- Iniciativas de dinamización
- Datas sinaladas
- Día das Letras Galegas
- Infantil e primaria
- Secundaria e bachalerato
- Formación profesional
- NEAE
- Ensinanzas de réxime especial
- Proxecto lingüístico do centro
- Proxectos de innovación en dinamización lingüística
- Comparte a túa iniciativa dinamizadora
- Programas
- Tamén che interesa
- Convocatorias e formación
- Memorias
- Outras iniciativas de promoción
- Programas
- Conmemoracións
- Recursos
- Convocatorias
-
O galego...
Promovelo
-
- Todos os recursos
- Recursos didácticos
- Publicacións
- Audiovisuais e música
- Blogs e recursos na rede
- Iniciativas de dinamización
- Datas sinaladas
- Día das Letras Galegas
- Infantil e primaria
- Secundaria e bachalerato
- + Formación profesional
- NEAE
- Ensinanzas de réxime especial
- Proxecto lingüístico do centro
- Proxectos de innovación en dinamización lingüística
- Comparte a túa iniciativa dinamizadora
- Programas
- Tamén che interesa
- Convocatorias e formación
- Memorias
#ACULTURASEGUE
Xoguetes naturais. Ouvirmos
Obra realizada ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021.
Estes cinco videotitoriais de dous minutos de duración cada un constitúen o primeiro ciclo audiovisual dedicado á construción de xoguetes tradicionais de Galicia.
Nacidos dos compromisos co medio natural, coa recuperación e posta en valor do xogo popular e tradicional, co ocio activo dos adultos, a educación dos máis novos e a transmisión familiar da lingua galega, os vídeos mostran paso a paso como construír, con elementos naturais como a madeira ou as cunchas, os seguintes enredos: un cataventos, un muíño de salgueiro, unha lancha de casca de sepia, un rinrán de noz e unha carraca de cana.
Cunhas plumas de gaivota, canas de distintos tamaños, un pau, unha cuncha, unha rodiña de cortiza de rede de mariñeiro e un fío de cánabo dos chourizos poderemos facer un fermoso cataventos.
Primeiro construiremos a armazón central, a continuación o rodicio, despois prepararemos a base e, por último, encaixaremos todas as pezas. Para completarmos algúns dos pasos, cómpre usarmos unha navalla, así que será necesaria a supervisión dunha persoa adulta.
Coa cuncha dunha sepia, un pauciño e unha folla grande de castiñeiro, poderemos construír un xeitoso barquiño de vela. É moi doado de montar e navega que dá xenio velo!
A única ferramenta necesaria é unha navalla, que os nenos e nenas deberán empregar coa supervisión dunha persoa adulta.
Só nos cómpren uns paus de salgueiro e unhas gallas para facermos un bonito muíño para un rego. Coa axuda dunha navalla -que os nenos e nenas usarán coa supervisión dunha persoa adulta- construiremos as aspas e mais o eixe e, despois de encaixalos, colocarémolos nunha corrente pequena de auga para poñer o noso muíño a traballar.
Sabiades que con dúas noces do país, uns paus e un cordel se pode construír un xoguete sonoro? Este vídeo explícanos como se fai un rinrán, tamén chamado rique-raque, crebanoces ou ruxerruxe. As ferramentas que nos cumprirán serán unha navalla, unha lima redonda e arame con mango para traballar mellor en con menos esforzo.
O derradeiro titorial da serie Xoguetes naturais explícanos como construír o segundo enredo sonoro deste ciclo audiovisual: un estraloque ou triquetraque. Para facelo necesitamos un tridente e un talo de cardo e mais un garabullo. Cumprirá tamén unha navalla que os nenos e nenas usarán coa supervisión dunha persoa adulta.
Cando acabemos de montar o noso estraloque faremos xirar o tridente e, ao petaren as gallas contra o pau transversal, produciremos un son seco que será máis sonoro canto máis rápido movamos as mans.