Toponimízate 2018

Ponse en marcha unha nova edición do programa de promoción da lingua galega Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra. A acción enmárcase nos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad, impulsados ambos os dous desde a Xunta de Galicia, e coordinarase por primeira vez desde a Real Academia Galega (RAG) en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Imaxes relacionadas

Toponimia de Galicia
Toponimia de Galicia
Detalle do cartel de Toponimízate 2018
Detalle do cartel de Toponimízate 2018

A toponimia é a disciplina que estuda os topónimos ou nomes propios de lugar: os das aldeas e parroquias, os dos ríos e leiras, os dos penedos e fontes. Constitúe un aspecto fundamental do noso patrimonio que liga a lingua propia coa xeografía, a historia ou a arqueoloxía de noso.

Entre outubro e decembro de 2018 Toponimízate chegará a 15 concellos da Rede de Dinamización Lingüística: Arzúa, Brión, Cariño, Miño e Muros na provincia da Coruña; Castro de Rei, Cospeito, Foz e O Páramo en Lugo; Celanova, Parada de Sil e Xinzo de Limia en Ourense e A Lama, Moaña e Ribadumia en Pontevedra. Estas localidades acollerán conferencias do filólogo Vicente Feijoo, especialista en toponimia e membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega. Nelas falarase de toponimia galega (os motivos da abundancia de nomes de lugar no país, a toponimia galega como patrimonio inmaterial...) e tamén da propia de cada concello (significado dos nomes das parroquias e das aldeas; como consultar a toponimia xeorreferenciada de cada municipio no Buscador de topónimos; utilidades desta ferramenta...). Ademais, nos concellos que teñan sen recoller a súa microtoponimia -é dicir, os nomes de leiras, camiños, fontes, penedos...- mostrarase unha app que lles permitirá aos veciños e veciñas colaborar para rexistrar e subir á rede tanto os microtopónimos como as lendas a eles asociadas, de xeito que todos poidan colaborar na salvagarda deste patrimonio inmaterial que é o noso orgullo.

Obxectivos

Os obxectivos deste programa son múltiples e atinguen tanto á veciñanza coma aos técnicos municipais:

  • Achegarlle á cidadanía de cada concello valiosa información sobre a historia do galego falado na súa contorna e sobre os modos de vida dos seus antepasados, os feitos hisóricos que foron relevantes para eles e as características da paisaxe no momento en que se bautizou cada anaco da súa terra ou cada braza do seu mar. Porque en Galicia todo está nomeado e cada nome ten unha historia que contar, un anaco de historia local que non figura nos libros e que aos veciños e veciñas lles gustará coñecer.
  • Fornecer os técnicos municipais das ferramentas necesarias que lles faciliten a tramitación de expedientes relacionados coa planificación e xestión do territorio do termo municipal, nos que deben empregar os topónimos normalizados, así como a posta en valor e promoción turística da paisaxe e dos elementos do patrimonio material e inmaterial que posúen.
  • Fomentar o uso da lingua galega entre a xente máis nova, pois promoverase que sexa esta a lingua en que interactuen cos seus avós e veciños para preguntarlles polos nomes de lugares e as lendas a eles asociados. Tamén empregarán o galego coas novas tecnoloxías para subir toda esa información a internet. Os topónimos naceron en galego e así deben usarse, tal como se manifesta no artigo 10 da Lei 3/1983 de normalización lingüística.
  • Fomentar a presenza do galego nas tecnoloxías da información e da comunicación. A toponimia moderniza a nosa lingua, porque a imos traballar cunha APP que presentará as últimas novidades en sistemas de información xeográfica e porque abriremos unha ventá ao mundo a través de internet para dar a coñecer a singularidades de cada concello.
  • Xerar dinámicas de traballo que promovan as relacións entre a sociedade, entre as asociacións veciñais e culturais e as administracións. Trátase de buscar a participación de toda a comunidade nun proxecto cultural común, facendo un traballo cooperativo entre varias xeracións, poñendo en valor a sabedoría dos máis vellos, a intrahistoria de cada concello e a conservación do patrimonio inmaterial (tradicións, folclore, coplas, lendas... asociadas aos topónimos). Isto creará un sentimento de identidade colectiva compartida e de continuidade.


Axenda de Toponimízate

Data e hora

Lugar

Concello

Provincia

19 de outubro, 20:00 Casa da Cultura de Castro de Ribeiras de Lea Castro de Rei Lugo
24 de outubro, 11:30 Local Social de Santa María de Arzúa Arzúa A Coruña
26 de outubro, 19:30 Sala dos Arcos da Casa do Concello Celanova Ourense
29 de outubro, 20:00 Aula Cemit Brión A Coruña
31 de outubro, 10:30 CEIP A Lama A Lama Pontevedra
16 de novembro, 20:00 Salón de plenos da Casa do Concello Moaña Pontevedra
21 de novembro, 16:30 Centro Social da Rúa Miño A Coruña
23 de novembro, 17:30 Salón de plenos da Casa do Concello Parada de Sil Ourense
27 de novembro, 13:00 CPI Virxe do Monte de Cospeito Cospeito Lugo
30 de novembro, 19:00 Local social da Casa do Concello Cariño A Coruña
3 de decembro, 20:00Casa da CulturaFoz Lugo
4 de decembro, 11:30 CEIP do PáramoO Páramo Lugo
13 de decembro, 19:30Aula Cemit de MurosMurosA Coruña
14 de decembro, 12:00 IES Lagoa de AntelaXinzo de Limia Ourense
19 de decembro, 10:00CPI Julia Becerra Malvar de BarrantesRibadumia Pontevedra
       
       

 

Documentos relacionados

Ligazóns relacionadas