Sitio Distinto
O documental Sitio Distinto viaxa ata Berlín co Centro de Estudos Galegos. O filme proxectarase na universidade berlinesa Freie Universität coa presenza de Davide Cabaleiro (director e guionista) e Iván Batty (guionista). Despois da proxección iniciarase un pequeno debate no que os asistentes poderán falar cos convidados sobre a longametraxe e a situación que nela se reflicte.
Sitio Distinto (2017) trata sobre a realidade da migración galega en Euskal Herria. Para analizar este fenómeno, Davide Cabaleiro, nacido na Coruña pero asentado en Bilbao desde o ano 2012, remóntase ao seu inicio a finais do século XIX e analiza como foi e como é a convivencia das linguas e culturas de ambas as comunidades ata hoxe.
Esta actividade, organizada polo Centro de Estudos Galegos, terá lugar coa colaboración do Lectorado de Lingua e Cultura Vasca do Instituto Etxepare e da súa lectora, Amaia Orbe, que tamén participará no debate posterior á proxección. A iniciativa está enfocada tanto a estudantes como a todas aquelas persoas interesadas pola situación sociocultural de Galicia e do País Vasco.
Lugar: Berlín. Freie Universität
Día: 5 de decembro
Hora: 12:00 horas
Documentos relacionados
-
Cartel JPG