Volver

Novo portal da Toponimia de Galicia

Xunto á nova aplicación Galicia Nomeada, a Xunta de Galicia e a Real Academia Galega publican a actualización da páxina de Toponimia de Galicia co obxectivo de ser a fonte de referencia da toponimia de Galicia para as persoas investigadoras e tamén para a poboación en xeral. De aí a importante compoñente divulgadora que, de inicio a fin, percorre a páxina web.

Con este afán divulgador, xorden as tres principais novidades dentro do portal: “Detrás do nome”, “O Seminario de Onomástica responde” e “ Sabías que”. Por un lado, a sección “Detrás do nome” publicará periodicamente artigos e vídeos nos que se tratarán o significado dos nomes das provincias, concellos,parroquias, cidades, aldeas, lugares... e curiosidades da toponimia de Galicia de forma sinxela, con rigor científico e fuxindo de tecnicismos co único obxectivo de chegar ao máximo número de persoas. Nesta sección tamén estarán dispoñibles os vídeos que, no programa Ben falado! da TVG estiveron dedicados á toponimia e microtoponimia de Galicia e darase difusión a aqueles microtopónimos curiosos que se vaian introducindo a través da aplicación Galicia Nomeada.

Pola súa banda, “O Seminario de Onomástica responde” tentará dar resposta ás preguntas da sociedade galega sobre os criterios aplicados na oficialización dos topónimos maiores ou sobre a súa orixe e significado.

Por último, a sección “Sabias que...?” complementa as dúas anteriores no afán divulgativo da toponimia e microtoponimia de Galicia a través de “pílulas informativas” onde se tratarán a relación da toponimia coa fraseoloxía ou co cantigueiro, etimoloxías populares e curiosidades que agochan os nosos topónimos.

O resto de contidos do portal da Toponimia de Galicia foi actualizado. O novo buscador de toponimia encabeza a web onde se poderá atopar todo o referente á toponimia de Galicia: actualizouse a información referente á lexislación e incluíuse un inventario de publicacións relacionadas coa toponimia galega. Ao mesmo tempo, poderase comprobar o estado de execución dos traballos de recollida en cada concello de Galicia segundo o antigo Proxecto de Toponimia de Galicia a través dun mapa visual, do que se poderá descargar a toponimia rexistrada en cada municipio.

Ademais destes contidos, na sección “Colabora”, os usuarios poderán atopar información sobre a aplicación Galicia Nomeada [ligar], así como manuais e vídeos explicativos sobre o funcionamento da aplicación nas súas versións de escritorio e móbil.

Por último, unha sección chamada "Novidades" informará ao público de todas as noticias que teñan que ver co proxecto e daralle visibilidade ao traballo das persoas e colectivos que participan neste gran proxecto cultural empregando a aplicación Galicia Nomeada.