Volver

A SECRETARÍA XERAL

Saúdo do secretario xeral

  • Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística

    Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística

Benvida, benvido, á páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, un espazo con ferramentas, información e contidos útiles e prácticos relacionados coa lingua galega. Trátase dunha xanela cara ao exterior a través da que o noso departamento tenta responder ás demandas dunha sociedade consciente do valor do seu idioma propio e orixinal.

A Galicia de hoxe é ben distinta da que coñeceron os nosos antepasados ata hai ben pouco. O noso é un país con órganos de autogoberno e institucións políticas propias que, dende 1981, se esforzan por reverter un proceso secular de minorización lingüística. De feito, non hai sector social no que, dun xeito ou doutro e en maior ou menor medida, a lingua galega non estea presente (educación, administración, comercio, tecnoloxías da información e da comunicación etc.). Mesmo se pode afirmar que por primeira vez en varios séculos a lingua galega xa non se percibe como un obstáculo para o progreso social.

Con máis de dous millóns de falantes no momento presente, o galego é unha lingua que dista moito de pertencer ao grupo das comunmente denominadas linguas minoritarias. De sermos realistas, coincidiremos en que a lingua que foi o código de expresión das persoas que habitaron Galicia durante os mil últimos anos está en condicións de seguilo a ser durante os mil anos futuros.

Agora ben, dende mediados do século XX ata hoxe estanse a experimentar cambios nunca vistos ao longo da historia e que nos obrigan a unha permanente readaptación e actualización . Estes afectan tamén ás linguas, dende sempre sensibles ás transformacións demográficas, económicas, políticas, culturais ou tecnolóxicas. Hogano, o noso obxectivo ten que consistir, xa que logo, en lograr que o galego sexa un idioma de valor práctico no que se poidan exercer a maior parte das actividades cotiás da vida moderna (comunicarse e informarse, facer negocios, utilizar aplicacións informáticas...), co fin de que a sociedade continúe a percibilo asemade como útil e actual ademais de necesario para preservar a identidade que nos mantén unidos como sociedade.

Este fin constitúe a nosa preocupación actual; un fin para cuxa consecución se ofrece, a xeito dun instrumento entre outros moitos, esta páxina da Secretaría Xeral de Política Lingüística.