Servizos
A Secretaría Xeral da Lingua ten a responsabilidade da coordinación da planificación e da execución da política lingüística da Xunta de Galicia. Pero, ademais disto, a SXL cobre numerosos servizos para a cidadanía. Xa os coñeces? Convidámoste a facer un percorrido polos departamentos que, a diario, resolven dúbidas lingüísticas, tramitan queixas en materia de lingua ou validan as traducións de documentación en galego cando se precisa para outros territorios.
Consultas, corrección e tradución
Un dos servizos máis demandados tanto pola Administración como polos particulares é o de asesoramento lingüístico. Desde o departamento sinalan que as dúbidas que máis reciben por parte da cidadanía son as relativas a “estranxeirismos, termos que non hai en dicionarios ou anglicismos. Tamén nos preguntan moitas dúbidas concretas sobre palabras ou expresións lingüísticas”.
Outra das consultas máis frecuentes fana pais e nais que desexan poñerlle un nome galego ao fillo ou filla que acaba de nacer. O equipo de lingüistas ofrécelles información sobre as variantes recollidas dos diferentes nomes, e ás veces ten que aclarar que “non se ofrecen subvencións por esa decisión!”.
Outro servizo moi solicitado é a revisión de textos, sobre todo para as diferentes administracións, que son as que máis o demandan, aínda que tamén para particulares”. Os textos teñen que remitirse en formato electrónico ou word; para as traducións do castelán ao galego acéptanse entre 5 e 10 páxinas e para as correccións de textos en galego o límite estaría nas 20 páxinas.
Validación de documentación
Unha necesidade común da cidadanía é a validación de documentos oficiais que están redactados en galego que lles cómpre presentar en castelán fóra do territorio de Galicia. “Validamos certificados, cursos, títulos oficiais... que se precisan para outras comunidades autónomas, como cando alguén se presenta a unha oposición”.
Para obter as validacións, os interesados deben traer unha fotocopia do documento orixinal e unha tradución en galego e a Secretaría Xeral da Lingua certifica o valor desa tradución. Isto constitúe unha garantía de resolución inmediata da certificación, así como a gratuidade do procedemento para o cidadán, que tamén pode abordar esta certificación solicitando os servizos privados dun tradutor xurado.
Queixas
O dereito da cidadanía a instar o cumprimento da legalidade vixente ante a Administración constitúe un principio básico do ordenamento xurídico. Co fin de garantir o seu exercicio efectivo, a Secretaría Xeral da Lingua, no exercicio das competencias que ten atribuídas, tramita as queixas que se presentan ante a Xunta de Galicia en materia de dereitos lingüísticos, incluídas aquelas relativas ao uso incorrecto da toponimia, de conformidade co establecido na Lei de normalización lingüística de Galicia.
Certificación de coñecemento da lingua galega e programación de cursos
Un dos labores principais da Secretaría Xeral da Lingua é a certificación do nivel de dominio do galego, mediante a convocatoria de probas oficiais realizadas tanto no territorio galego coma fóra de Galicia. Tamén se organizan os cursos preparatorios e as probas para a obtención do Certificado de Lingua Galega (Celga).
Outros servizos que nos conectan co exterior
Calquera persoa pode relacionarse en galego coas diferentes institucións da Unión Europea, xa que dende finais de 2005 o galego é unha lingua presente na UE.
Para favorecer as posibilidades de diálogo internacional, a Secretaría Xeral da Lingua tamén xestiona o rexistro de profesionais da tradución e da interpretación xurada e outorga as habilitacións oficiais necesarias para o seu exercicio.