Volver

Servizos

A Secretaría Xeral de Política Lingüística ten a responsabilidade da coordinación da planificación e da execución da política lingüística da Xunta de Galicia. Pero, ademais disto, a SXPL cobre numerosos servizos para a cidadanía. Xa os coñeces? Convidámoste a facer un percorrido polos departamentos que, a diario, resolven dúbidas lingüísticas, tramitan queixas en materia de lingua ou validan as traducións de documentación en galego cando se precisa para outros territorios.
 

Consultas, corrección e tradución

Un dos servizos máis demandados tanto pola Administración como polos particulares é o de asesoramento lingüístico. Desde o departamento sinalan que as dúbidas que máis reciben por parte da cidadanía son as relativas a “estranxeirismos, termos que non hai en dicionarios ou anglicismos. Tamén nos preguntan moitas dúbidas concretas sobre palabras ou expresións lingüísticas”.

Outra das consultas máis frecuentes fana pais e nais que desexan poñerlle un nome galego ao fillo ou filla que acaba de nacer. O equipo de lingüistas ofrécelles información sobre as variantes recollidas dos diferentes nomes, e ás veces ten que aclarar que “non se ofrecen subvencións por esa decisión!”.

Outro servizo moi solicitado é a revisión de textos, sobre todo para as diferentes administracións, que son as que máis o demandan, aínda que tamén para particulares”. Os textos teñen que remitirse en formato electrónico ou word; para as traducións do castelán ao galego acéptanse entre 5 e 10 páxinas e para as correccións de textos en galego o límite estaría nas 20 páxinas.

Validación de documentación

Unha necesidade común da cidadanía é a validación de documentos oficiais que están redactados en galego que lles cómpre presentar en castelán fóra do territorio de Galicia. “Validamos certificados, cursos, títulos oficiais... que se precisan para outras comunidades autónomas, como cando alguén se presenta a unha oposición”.

Para obter as validacións, os interesados deben traer unha fotocopia do documento orixinal e unha tradución en galego e a Secretaría Xeral de Política Lingüística certifica o valor desa tradución. Isto constitúe unha garantía de resolución inmediata da certificación, así como a gratuidade do procedemento para o cidadán, que tamén pode abordar esta certificación solicitando os servizos privados dun tradutor xurado.

Queixas

É un dereito dos cidadáns e das cidadás reclamar ante a Administración o cumprimento da legalidade vixente. Co fin de garantilo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística tramita as queixas que chegan á Xunta de Galicia relacionadas cos dereitos lingüísticos. Sinalan desde esta área que, fundamentalmente, “as queixas que se reciben están relacionadas coa utilización incorrecta dos topónimos galegos e coa necesidade de introdución do galego de forma xeneralizada na Administración, ben sexa na Administración periférica do Estado en Galicia , na autonómica ou na local. Pero tamén recibimos outro tipo de reclamacións advertindo, por exemplo, que aínda existen webs da Administración que non incorporan versión en galego na información para a cidadanía. Por regra xeral temos moi boa resposta por parte da Administración, tanto á hora de actualizar a toponimia como á de afondar na utilización do galego en todos os ámbitos”.

Certificación de coñecemento da lingua galega e programación de cursos

Un dos labores principais da Secretaría Xeral de Política Lingüística é a certificación do nivel de dominio do galego, mediante a convocatoria de probas oficiais realizadas tanto no territorio galego coma fóra de Galicia. Tamén se organizan os cursos preparatorios e as probas para a obtención do Certificado de Lingua Galega (Celga).

Outros servizos que nos conectan co exterior

Calquera persoa pode relacionarse en galego coas diferentes institucións da Unión Europea, xa que dende finais de 2005 o galego é unha lingua presente na UE.

Para favorecer as posibilidades de diálogo internacional, a Secretaría Xeral de Política Lingüística tamén xestiona o rexistro de profesionais da tradución e da interpretación xurada e outorga as habilitacións oficiais necesarias para o seu exercicio.

Agora xa coñeces algunhas das tarefas administrativas realizadas polo departamento de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Esperamos que che sexan de utilidade.