Volver

#ACULTURASEGUE

As xeneralas da Ulla. Títeres Cachirulo

Obra realizada ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21.

Espectáculo de rúa para todos os públicos que presenta, con vistosos monicreques de madeira, os diferentes entroidos de Galicia, nomeadamente o da Comarca da Ulla.

Na primeira parte do espectáculo, dúas correos e dúas xeneralas, todas a cabalo e engalanadas con vistosos traxes, percorren as rúas dando vivas ás xentes do lugar, propiciando e motivando o ambiente distendido e festivo do Entroido, facendo paradas nas que intercalan cancións cos seus atranques (combates verbais). As bandeiras que locen correos e xeneralas na súa vestimenta son a da paz, a ecoloxía, a muller e as artes, polo que a liorta dos versos céntrase en defender e transmitir estes valores.

Na segunda parte, unha mestra de cerimonias vai presentando uns 70 monicreques rigorosamente ataviados coas vestimentas dos diferentes personaxes do Entroido, que van aparecendo na escena comentando brevemente algunha das súas particularidades. Faise así un percorrido polos Entroidos máis significativos de 21 concellos das catro provincias galegas: choqueiros (A Coruña), volantes (Chantada), o oso de Salcedo (Pobra de Brollón), mázcaras (Manzaneda), boteiros (Viana do Bolo), vellaróns (Castrelo de Cima, Riós), cigarróns (Verín), peliqueiros (Laza), vergalleiros (Sarreaus), pantallas (Xinzo de Limia), felos (Maceda), a Pita (Eiroás), troteiros (Bande), bonitas (Sande), merdeiros (Vigo), madamas e galáns (Cobres), Ravachol (Pontevedra)...