Volver

#ACULTURASEGUE

Pèlerinage 1726. Fernando Reyes Ferrón

Iniciativa realizada ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21.

Proposta que xira arredor da narración da viaxe do peregrino e xastre francés Guillaume Manier a Compostela e as referencias musicais da súa época ao longo do Camiño de Santiago.

Documental sobre as andainas de Guillaume Manier relatado a través das súas propias palabras rescatadas do diario de viaxe - un dos máis completos e coñecidos dos que se conservan hoxe – que escribiu durante o Camiño en 1726. O tiorbista Fernando Reyes é o relator do texto e tamén o encargado de intepretar arredor de 15 pezas musicais da época, destacando en especial as do músico francés do século XVII, Robert de Visée, e acompañado nalgunha ocasión da soprano Mercedes Hernández.

 

Recompilación de todas as actuacións musicais do tiorbista Fernando Reyes e a soprano Mercedes Hernández para ilustrar as andainas do peregrino francés Guillaume Manier, gravadas en distintos escenarios galegos de importancia para o Camiño de Santiago.

Desde o altar da Igrexa da Nosa Señora da Mercé de Conxo, en Santiago de Compostela, o tiorbista Fernando Reyes toca as pezas “Prèlude en La” e “Allemande La Royale”, de Robert de Visée.

En Melide, na Igrexa do Sancti Spiritus, Fernando Reyes e Mercedes Hernández intepretan “Grande Chanson de Saint-Jacques”, de autor descoñecido; a máis famosa canción dos peregrinos franceses chegada aos nosos tempos . A seguir, o tiorbista toca “Chaconne” e “Gavotte”, de Robert de Visée.

Mentres pasamos por algúns dos recunchos máis emblemáticos de Santiago de Compostela e pola Igrexa do Sancti Spiritus de Melide, Fernando Reyes á tiorba e Trinidad de Miguel coas campaíñas interpretan “Les Sylvains”, de François Couperin e Robert de Visée.

No auditorio do Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela, Fernando Reyes e Mercedes Hernández interpretan de novo “Grande Chanson de Saint-Jacques”.O tiorbista remata a actuación con “Chaconne”, de Robert de Visée.

Desde a Igrexa da Nosa Señora da Mercé de Conxo, en Santiago de Compostela, o tiorbista Fernando Reyes e a soprano Mercedes Hernández interpretan “La Folie”, de Henry de Bailly.