Volver

Sen pelos na lingua. Historias de neofalantes.

Iniciativa realizada para TCRedes en galego ao abeiro do Fondo Xacobeo 2021-2022.

Co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Chantada Comunicación SL e a Canle Ribeira Sacra elaboraron un proxecto audiovisual enfocado á difusión da lingua galega, ao fomento da autoestima e á posta en valor do uso xeneralizado do galego.

‘Sen Pelos na Lingua. Historias de Neofalantes’ é unha serie de sete pezas audiovisuais que relatan, a través de distintos perfís persoais, diferentes historias de amor pola lingua. Esas historias unen persoas de distintas orixes e procedencias que integran o esperanzador colectivo dos novos falantes do galego.

Sete neofalantes de distintas nacionalidades, incluso galegos e galegas, que deron o paso en prol da fala fálannos da súa vida cotiá e da presenza que ocupa o idioma nas súas vidas. Os motivos que os levaron a atreverse co galego, os contextos de aprendizaxe, as ideas sobre o futuro da lingua, a cantidade de anécdotas vividas en relación ao seu uso ocupan parte destes áxiles e entretidos relatos. Deste xeito, a serie de entrevistas percorre desde o rural ourensán e a Ribeira Sacra luguesa ata as cidades de Lugo e A Coruña.