Volver

Camiños de Ciencia, unha guía de viaxe para peregrinos curiosos

Guía de viaxe orientada ao turismo científico elaborada por Observer® (ObserverScienceTourism.com) para a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Camiños de Ciencia é unha guía para coñecer a ciencia que hai detrás do patrimonio natural e cultural do Camiño. Trátase da primeira guía do Camiño con este tipo de abordaxe. Xeoloxía, botánica e zooloxía, pero tamén astronomía, medicina e química e, por suposto, arqueoloxía e historia explican o Camiño en todas as súas dimensións.

A guía, que segue o esquema das etapas oficiais dos Camiños Francés e mais de Inverno, transcorre por 31 municipios das catro provincias galegas e explica de maneira divulgativa e orixinal máis de 100 puntos de interese. Ademais de ofrecer información básica sobre a organización do Camiño e contidos de turismo científico, para aqueles peregrinos máis intrépidos recomenda desvíos na ruta para coñecer lugares asombrosos fóra do itinerario marcado.

No capítulo “O Camiño de Santiago, un destino de ciencia” que abre esta guía, atópase o contexto histórico preciso para conectar coa tradición xacobea. En “Informacións esenciais” recóllense aquelas consideracións imprescindibles antes de comezar calquera dos dous camiños abordados. Nos capítulos seguintes, o libro entra de cheo no Camiño Francés e no Camiño de Inverno. O último dos capítulos da guía está dedicado a Santiago, a meta común.