Curso Celga 2 en liña LF
Novo curso Celga 2 en liña adaptado á lectura fácil, con contidos e información accesible a persoas con discapacidades cognitivas.
Este recurso satisfai unha demandada detectada no ámbito do ensino en lingua galega e complementa a xa existente adaptación de probas para a obtención dos certificados de coñecemento da lingua galega precisamente no nivel (Celga 2) en que esta está a ter máis solicitudes de participación, dado que é o que se require habitualmente nas prazas de acceso á Administración pública reservadas para persoas con discapacidades. De máis a máis, o novo curso vai ter moita utilidade para persoas que non teñen discapacidades cognitivas, pero non contan con coñecementos de lingua ou téñenos a un nivel moi limitado.
Para materializar este proxecto, a Secretaría Xeral da Lingua constituíu un grupo de traballo con persoal docente experto na elaboración de materiais para o ensino de adultos e en formación en liña, co obxectivo de ofrecerlles ás persoas adultas con dificultades lectoras e/ou discapacidades cognitivas o acceso á cultura e á información. Neste proceso contouse co apoio formativo e de asesoramento de FADEMGA (Federación de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual ou de desenvolvemento de Galicia).
Este curso súmase a outras medidas de teleformación en lingua galega, como os cursos de Celga 2, 3 e 4 tirotizados e mais os cursos Celga 1, 2, 3 e 4 na modalidade de autoformación Todos estes recursos teñen un obxectivo común, que é o de garantirlle á cidadanía a formación necesaria para acadar o coñecemento e o dominio da lingua propia de Galicia.