Volver

Cociña con nenos/as

Cociña con nenos/as

Cociñar cos nenos e nenas da casa é unha excelente maneira de favorecer as relacións familiares e de fomentar a aprendizaxe. Nesta páxina ofrecémosvos algunhas receitas moi sinxelas para preparardes unha festa e gozar tanto do proceso de elaboración como do resultado.

Macedonia

Macedonia de froitas

Se facedes a vosa festa con bo tempo, unha macedonia pode ser unha alternativa sa, fresca e apetecible ás tradicionais chuches.

  • Ingredientes: dúas mazás, dúas laranxas, oito amorodos, dezaseis uvas, dous plátanos, catro kiwis e dúas peras.
  • Paso 1: lavade todos os ingredientes con coidado.
  • Paso 2: sacádelles a pel ao plátano, á laranxa, aos kiwis, á mazá e á pera. Un adulto debe axudar coas froitas máis difíciles, como a mazá ou a pera.
  • Paso 3:  cortade en anacos medianos a froita.
  • Consello: podedes usar todas as froitas que vos gusten para facer a macedonia. Ademais, se usades ingredientes en xarope, coma o pexego ou a piña, podedes empregalo para despois regar a macedonia por riba. Tamén lle podedes botar azucre.

Xeado de cacao

Macedonia de froitas

  • Tanto ten que chova ou vente. Os cativos da casa sempre agradecerán un xeado, sobre todo se foi feito por eles mesmos.
  • Ingredientes: faravos falta un litro de leite, cacao, moldes para xeados ou, no seu defecto, uns vasos e uns paus ou ben unhas culleriñas.
  • Paso 1: mesturade o leite co cacao nun recipiente. Botádelle tanto cacao como vos guste e, se queredes, botádelle un pouco de azucre.
  • Paso 2: enchede os moldes ou os vasos coa mestura do leite co cacao.  Colocade o pau ou a culleriña.
  • Paso 3: metédeo no conxelador durante varias horas, ata que a mestura estea dura.
  • Consello: para sacardes o xeado do molde, tan só tedes que metelo debaixo dunha billa de auga quente. Así sairá facilmente.

Torta de chocolate doadísima

Macedonia de froitas

En todo aniversario ten que haber unha torta. Velaquí unha moi doada de facer e que adoita ter un tremendo éxito.

  • Ingredientes: para esta receita necesitades dous paquetes de obleas e dous  botes grandes de crema de cacao.
  • Paso 1: metede os botes de crema de cacao en auga quente para abrandalos.
  • Paso 2: colocade na bandexa a primeira oblea cun pouco de crema no centro sen estender.
  • Paso 4: poñede enriba a segunda oblea, untádea con crema de cacao e cubrídea con outra oblea.
  • Paso 5: repetide o paso 4 ata rematardes coas obleas.
  • Paso 6: cubride a superficie e os laterais da torta con crema de cacao e deixade que arrefríe na neveira aproximadamente unha hora.

Torta de amorodos

Macedonia de froitas

Se estades cansos da torta de chocolate e  queredes probar outras opcións, probade con esta suculenta torta de amorodos.

  • Ingredientes: para esta receita necesitades dun paquete de madalenas ou de sobaos, de medio quilo de amorodos, caldo de azucre e tona líquida.
  • Paso 1: mesturade a tona líquida con varios amorodos en anacos. Dádelles voltas ata que fagan prebe. Despois, batede todo para que a tona colla volume.
  • Paso 2: collede unha madalena e cortádea á metade. Molládea no caldo de azucre e poñédea enriba dun prato grande. Ide colocando as madalenas unhas ao lado das outras, para que fagan unha capa. Unha vez que teñades a capa, cubrídea de tona.
  • Paso 3: cando rematedes con todas as capas, botade tona enriba para que recubra a torta e picade anacos de amorodos para lle botar.
  • Consello: deixade arrefriar a torta no refrixerador un par de horas.  

Podedes atopar máis receitas divertidas para as vosas festas na colección de libros de cociña infantil e familiar da editorial ouvirmos.