II novembro estelar: ciencia e letras en galego

Proxecto divulgativo de ciencia e de creación artística na nosa lingua

A escritora, música e comunicadora de ciencia Estíbaliz Espinosa volve colaborar coa Secretaría Xeral de Política Lingüística para demostrar que a ciencia en galego ten forza e que a arte e a literatura dialogan con ela e axudan no seu avance. E faino cunha iniciativa que mestura tres hélices nas que cómpre poñer o foco: divulgación, creación e innovación, a través das seguintes actuacións:

1. Constelando, unha charla presencial coa decana da Facultade de Matemáticas e doutora en Matemática Aplicada Elena Vázquez Cendón, a xornalista e poeta Pilar García Rego e Estibaliz Espinosa desde o Centro Astronómico de Trevinca (A Veiga, Ourense), o 19 de novembro pola tarde. No encontro, aberto ao público en xeral, Elena Vázquez Cendón exporá parte do seu traballo arredor da figura e empresa de Domingo Fontán e da súa Carta Xeométrica, que, nun lugar como o Centro Astronómico, se poñerá en paralelo con cartas cosmográficas ou coa misión Gaia da ESA, de mapeado da nosa galaxia. O coloquio será gravado e editado en vídeo para a súa difusión na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

2. Recital poético en galego e observación astronómica posterior, na mesma data.

3. Primeira fase do deseño, selección de contidos e definición da estrutura e prototipo dun mapa interactivo celeste e unha app de astronomía para Android, Iphone e web de ceos e textos galegos que conterá astrografías de fotógrafos galegos, textos de autores e autoras galegos (Rosalía de Castro, Manuel Antonio, Luísa Villalta...) sobre o firmamento, nomes galegos de constelacións etc.

Enlaces relacionados