Volver

Facendo ruído. Monólogos de voces femininas galegas doutro tempo

Por mor do 25 aniversario do CEG de Estremadura, publícase a obra Facendo ruído. Monólogos de voces femininas galegas doutro tempo, de Lara Fernández Martínez en colaboración co Servizo de publicacións da Universidade de Estremadura.

Nela, figuran un conxunto de monólogos realizados polo alumnado do CEG estremeño como exercicios de estilo que pretenden mostrar a íntima relación da práctica da escrita creativa e a aprendizaxe lingüística co coñecemento cultural dun territorio, neste caso, o galego, ademais da converxencia da investigación e da innovación docente, sempre enriquecedora e posible.

Este proxecto está orientado a desenvolver competencias esenciais como o sentido crítico, valoración e coñecemento da tradición cultural galega, a capacidade de reflexión sobre feitos reais acontecidos noutra época e o cultivo dunha expresión escrita que se afasta do que os contextos académicos determinan como un canon de ensinanza tradicional. Os monólogos deste libro son breves, cunha extensión máxima de tres ou catro páxinas cada un e un mínimo dunha. Son de carácter histórico e ficticio, xa que traen ao presente figuras feminias do pasado para falar da situación actual que observan, devolvéndolles a voz. Están enmarcados dentro da literatura de segundo grao.