Volver

Dicionario galego-ruso

O Dicionario galego-ruso, concibido no ano 2020, pretende ser a primeira tentativa dun gran dicionario galego-ruso que inclúa tanto o léxico normativo, recoñecido pola RAG, coma palabras e mais expresións que actualmente se atopan fóra da norma estándar, a pesar de se empregaren no discurso escrito e na fala, que ademais aparecen nas obras clásicas e modernas da literatura galega.

Este dicionario ten como persoas destinatarias as especialistas en lingua e cultura galegas, tradutoras, lexicógrafas, romanistas, comparatistas, profesorado e estudantado que aprende galego, e tamén galegos e galegas que aprenden ruso. Esta primeira edición conta con case 11.000 lemas organizados por orde alfabética. A cantidade de entradas vai actualizarse periodicamente e na versión final do dicionario ascenderá a unhas 40.000 entradas. Amais, nas edicións posteriores planéase incluír un apéndice gramatical que conteña toda a información necesaria para saber as regras básicas da lingua galega. No momento de redacción dunha entrada, en primeiro lugar, tomáronse en consideración as definicións aceptadas pola RAG. Puntualmente incluíronse termos non recollidos pola RAG que van marcados con *.

 

Un dos obxectivos principais do dicionario é crear unha ponte directa entre as nosas culturas que permita facilitar o proceso de aprendizaxe de ambas as dúas linguas e o traballo de tradución de textos literarios ou específicos de galego a ruso sen ter que acudir aos outros idiomas mediadores (castelán, portugués, inglés etc.). O autor agarda que a publicación deste dicionario axude a aumentar a cantidade de traducións das obras literarias galegas ao ruso, xa que a fermosa literatura multisecular galega merece moita máis sona no mundo non galegofalante, e ademais provoque unha nova vaga de interese na cultura e lingua rusas entre os galegos e galegas e viceversa.

Fontes:

1. Dicionario RAG (en liña)

2. Pequeno dicionario Xerais da Lingua (2019)

3. Dicionario da fraseoloxía galega (2008)

4. Dicionario Xerais da Lingua (1988)

5. Dicionario dos Dicionarios (en liña)

6. Galipedia (en liña)

7. Proxecto Artello da Universidade de Vigo (en liña)

8. Gran Dicionario Século 21 (Galego-Castelán) (2008)

9. Dicionario Estraviz (en liña)

10. O Galego Fundamental: dicionario de frecuencias (2006)

Contacto: Para calquera achega ou dúbida, os lectores poden poñerse en contacto co autor a través do correo electrónico seguinte: dicionariogalegoruso@gmail.com.