AULA DE GALEGO 2. LIBRO DO PROFESORADO
Unidade 8. Basta xa!
Remita os estudantes á páxina 65, móstrelles a fotografía da portadiña e pregúntelles: Onde credes que están estas persoas? Se entre as súas respostas non xorde a palabra manifestación, menciónea vostede e escríbaa no encerado.
A continuación, pregúntelles cal consideran que é a finalidade dunha manifestación. Se descoñecen expresións como protestar ou queixarse por algo, reivindicar, reclamar ou pedir algo, preséntellelas e aclare o seu significado. Logo, centre a súa atención no título da unidade e pregúntelles: Cando emprega esa expresión unha persoa? Ao que deberán contestar algo semellante a: cando quere rebelarse contra unha situación inxusta ou coa que non está de acordo.
Por último, coméntelles os obxectivos desta unidade e a tarefa final: redactar un manifesto no que se reivindiquen solucións para unha situación inxusta.