AULA DE GALEGO. LIBRO DO PROFESOR
Unidade 1. De deseño
Pregúntelles aos seus alumnos: Credes que a casa dunha persoa di moito sobre ela? Logo, escoite os seus comentarios e remítaos á portadiña da páxina 9
A seguir, pídalles que miren a fotografía e fágalles as seguintes preguntas: Que estancia da casa é? Como a describiriades? Que cousas aparecen? Se non o din, fágalles saber que se trata dunha parte dun salón que poderiamos describir como moi moderno ou “de deseño”. Os elementos que aparecen son dous sofás de pel vermellos e con estrutura metálica; unha mesa de centro en wengué, sobre a que hai un floreiro decorativo; unha alfombra vermella; unha cadeira de brazos xiratoria tamén vermella con base metálica; unha lámpada de pé, plana, cuxa forma se asemella a unha pantalla; unha especie de estante que separa a estancia e un cadro.
A continuación, distribúa os estudantes en pequenos grupos e pídalles que inventen o perfil dunha persoa que pode vivir nesta casa: idade, profesión, lugar de residencia, gustos e afeccións…
Para rematar, realice unha posta en común e preséntelles os obxectivos da unidade e a tarefa final: deseñar un obxecto que solucione un problema da vida cotiá.