Volver

AULA DE GALEGO. LIBRO DO PROFESORADO

Unidade 5. Eu faríao se…

Remita os seus alumnos á fotografía da portadiña

Pregúntelles: Que está a facer esta persoa? A resposta esperada é practicar mergullo ou alimentar os peixes no fondo do mar. A continuación, pídalles que, en parellas e durante un minuto, escriban todas as palabras relacionadas con esta actividade ou con este contexto. Despois, realice unha posta en común e anote as palabras que digan no encerado. Se non mencionan termos como deporte de risco, medo, perigo, arriscado, aventura, emoción, e atreverse, fágao vostede e asegúrese de que coñecen o seu significado.

Interésese logo por saber se algún dos estudantes fai ou xa fixo algunha vez mergullo ou calquera outro deporte de risco.

Por último, preséntelles os obxectivos da unidade e a súa tarefa final: decidir cales dos compañeiros poden participar nun reality show.