Volver

AULA DE GALEGO. LIBRO DO PROFESORADO

Unidade 7. Só ou acompañado?

Centre a atención dos estudantes na foto da portadiña e pídalles que a describan

Escoite logo as súas suxestións e, de non mencionaren que as persoas que aparecen están facendo unha camiñada, dígallelo vostede. Deseguida, interésese por saber se a eles tamén lles gusta camiñar e, de haber respostas afirmativas, pregúntelles se o prefiren facer sós ou acompañados e por que.

A continuación, escriba no encerado unha listaxe de actividades, como por exemplo: andar en bicicleta, ir ao cine, facer as compras, mercar un agasallo, acudir a unha cita co médico etc. Despois, pídalles que, en parellas, discutan cales farían sós sen ningún inconveniente e a cales lles gustaría que alguén os acompañase e quen (un amigo, a parella, un familiar…). Déixelles tempo suficiente para que o fagan e proceda logo a unha posta en común, na que lles pida que acheguen os debidos argumentos que poidan xustificar as súas preferencias.

Por último, informe brevemente os seus alumnos dos contidos da unidade e da súa tarefa final: determinar as calidades da parella ideal.