AULA DE GALEGO. LIBRO DO PROFESORADO
Unidade 10. Escollas
Pídalles aos estudantes que abran o libro na páxina 81 e que describan a imaxe da portadiña
Quecemento global
É probable que, relacionándoa co título da unidade, non teñan dificultades en contestar que a muller está suxeitando un abano de cartas da baralla, mentres outra persoa escolle unha delas. Pregúntelles, ademais, con que poderían relacionalo e espere respostas do tipo: xogos de mesa, unha forma de entretemento familiar ou cos amigos, a cartomancia etc.
A continuación, pregúntelles se lles gustan as cartas, se adoitan xogar algunha partida e con quen o fan xeralmente ou se coñecen persoas que son afeccionadas a este tipo de pasatempo. Anímeos a que participen da conversa e interésese pola información que queiran compartir.
Por último, coméntelles o contido da unidade e anúncielles cal vai ser a súa tarefa final: falar das consecuencias das nosas escollas na vida.