AULA DE GALEGO. LIBRO DO PROFESORADO
Unidade 5. Dixeches que o farías
Remita os seus alumnos á fotografía da portadiña e pregúntelles: Quen credes que é esta persoa? Que está facendo? A continuación, engada a pregunta: Credes que o fai de boa gana? Logo, explíquelles o significado da expresión que lle dá título á unidade.
Anímeos a pensaren nos motivos que puideron levar esta persoa a facer esta actividade ou cumprir un compromiso como este. Dirixa a conversa cara á posibilidade de que estea cumprindo un acordo previo, unha aposta ou unha promesa e aproveite para introducir expresións como Prometérao, dixo/dixera que o faría…
A continuación, preséntelles os obxectivos da unidade e a tarefa final: reclamar por algo co que non estamos de acordo por incumprir as expectativas.