AULA DE GALEGO. LIBRO DO PROFESORADO
Unidade 7. Antes de que sexa tarde
Móstrelles aos seus alumnos a imaxe da portadiña e pregúntelles que cren que simboliza
As posibles respostas estarán relacionadas co coidado e a preservación das praias: prohíbeselles o paso ás persoas porque o mar está contaminado e pode ser nocivo ou, ao revés, porque é a única forma de evitar que siga a contaminación e se perdan os espazos naturais. A partir destas respostas, pode fomentar unha conversa sobre temas como a contaminación do mar e das praias ou a contaminación en xeral.
A continuación, pregúntelles con que palabras relacionan a contaminación. Se o considera conveniente, remítaos á unidade 1, na que tamén se traballou este tema. Tome nota dos termos que suxiran e mencione o concepto de medio se os seus alumnos aínda non o fixeron.
Por último, preséntelles os obxectivos da unidade e a tarefa final: crear unha campaña de concienciación social.