AULA DE GALEGO. LIBRO DO PROFESORADO
Unidade 8. Vivir para traballar
Escriba no encerado as frases vivir para traballar e traballar para vivir e pídalles aos seus alumnos que, en parellas, escriban unha lista coas cousas que relacionan con ambas as expresións. Deseguida, realice unha posta en común na que dirán tamén con cal delas se identifican máis.
Logo, sinale a fotografía da portadiña e pregúntelles: Que está a facer esta muller? Onde pensades que está? Por que credes que o está facendo? Escoite as hipóteses que fagan e pregúntelles: Credes que vive para traballar ou traballa para vivir?
Por último, preséntelles os contidos da unidade e a tarefa final: escribir unha páxina de presentación para a web dunha empresa.