Volver

#ACULTURASEGUE

Teatro 8D. Limiar Teatro

Iniciativa realizada ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21.

Un proxecto de tecnoloxía sonora en oito dimensións para achegarlles a persoas con cegueira ou discapacidade visual tres espectáculos teatrais que a compañía Limiar Teatro desenvolveu nos últimos anos. Os oíntes deberán dispor duns audiófonos ou de altofalantes con sistema de estéreo binaural.

O 8D, tamén chamado etéreo binaural, é un tipo de son estéreo que intenta recrear a sensación de estar fisicamente dentro do espazo onde se están producindo os sons. Diferénciase do son estéreo en que reproduce o son nun rango de esquerda a dereita e en profundidade. Chámase 8D porque oito son o número de direccións en que podemos percibir os sons nun espazo determinado. O interesante deste proxecto é poder "ver cos oídos" as diferentes pezas teatrais pasadas ao formato 8D, notar como os personaxes se achegan a nós, se afastan, nos falan ao oído...

A música non amansa as bestas

Esta é a historia dun compositor obsesionado con crear unha obra tan perfecta coma a do personaxe mitolóxico Orfeo, con cuxa música se dicía que se podían amansar as bestas. O compositor vai probando co espectador a súa obra a través dos estilos, da harmonía e da melodía. Pouco a pouco vai descubrindo a importancia que teñen na sociedade elementos como o silencio, a paixón, a sensibilidade, a creatividade... o que muda esa idea inicial de amansar pola de facer unha obra para reflexionar.

Paio Gómez Chariño no Castelo de Soutomaior

Visita audioteatralizada a este espazo singular

Se fosen turistas levarían lentes de sol

Velaquí un espectáculo en que -a través da palabra, a música en directo, o son...- se presentan en escena pasaxes das nosas historias familiares ligadas ao exilio e á emigración. O fin é recuperar a memoria como metáfora do presente en que vivimos. Existe un paralelismo entre o que sucedeu connosco décadas atrás, o que segue a suceder no mundo e, infelizmente, o que sucederá.