Volver

XVIII Xornada de Normalización Lingüística - Escolas Católicas de Galicia

Escolas Católicas de Galicia organiza, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), a XVIII Xornada de Normalización Lingüística, dirixida, un curso máis, a todo o profesorado de centros públicos, concertados e privados de Galicia. Desenvolverase o 18 de novembro de 2022, de 9:30 a 14:30 h, no Consello da Cultura Galega.

Esta é a primeira ocasión en que se analiza a figura elixida pola Real Academia Galega para lle render homenaxe nas Letras Galegas a partir de xaneiro. Ademais, ofrécense recursos e ferramentas para axudar a avanzar no uso e no ensino do galego, coñécense boas prácticas dos centros e pónselle o ramo á xornada co recoñecemento a algunha persoa destacada no ámbito do fomento da lingua e da cultura galegas.

Após a conferencia sobre Francisco Fernández del Riego, asistiremos ás charlas sobre o microteatro como ferramenta de dinamización da lingua e sobre os materiais que nos ofrece o Consello da Cultura Galega en Internet. Seguiraas a homenaxe a Xosé Luís González, "O Carrabouxo", exemplo da importancia da ilustración e a banda deseñada na promoción da nosa lingua, e o acto de entrega dos Premios Irmán Reboiras ás Mellores Iniciativas de Fomento do Galego, que contan, así mesmo, co apoio da SXPL. Na clausura poderemos gozar dunha pequena actuación do cantautor Alberto Cunha.