O Plan de dinamización do galego na mocidade inclúe o deporte como ámbito prioritario de actuación

Volver
  • Valentín García nos XX Encontros para a Normalización Lingüística
  • Valentín García nos XX Encontros para a Normalización Lingüística
  • Valentín García nos XX Encontros para a Normalización Lingüística
  • Valentín García nos XX Encontros para a Normalización Lingüística

O secretario xeral de Política Lingüística avanzou hoxe na apertura dos XX Encontros para a Normalización Lingüística que o novo plan que prepara a Xunta contempla o traballo con federacións, clubs, escolas, empresas e deportistas para dinamizar o idioma na xente nova

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2018.- O novo plan de dinamización do galego na mocidade que está a preparar a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, inclúe o deporte entre os ámbitos de actuación prioritarios na dinamización da lingua propia de Galicia na xente nova. Así o avanzou hoxe á tarde o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na súa intervención de apertura dos XX Encontros para a Normalización Lingüística, na que destacou que “o novo plan establece nas súas liñas básicas de traballo a colaboración con federacións, clubs, escolas, empresas e deportistas para incidir na dinamización do idioma, de acordo coas directrices do Plan xeral de normalización da lingua galega”, sinalou.

Canda el na mesa inaugural tamén participou a vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.

Paso a paso, man con man. Deporte e lingua


Os Encontros para a Normalización Lingüística, organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística do CCG coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, cumpren dúas décadas arredor da normalización lingüística cun programa no que, baixo o subtítulo de “Paso a paso, man con man. Deporte e lingua”, se quere facer balance do camiño andado e tamén servir, unha vez máis, de foro de intercambio de experiencias, presentación de proxectos e propostas de futuro.
Así, ao longo desta tarde e da xornada de mañá daranse cita na sede do Consello da Cultura Galega especialistas en lingua galega e profesionais do ámbito do deporte, así como representantes de federacións, clubs e outras entidades vencelladas a el para ofrecer relatorios e coloquios que afondarán no traballo técnico e nas experiencias e boas prácticas de dinamización do idioma neste eido. Máis información en http://consellodacultura.gal/evento.php?id=200673.

Espello Deportivo (2013), na Artesa


Parello a estas propostas, os encontros ofrecen unha nova edición do coñecido espazo Artesa que configura unha exposición de paneis que dan mostra das iniciativas recoñecidas relacionadas co traballo en lingua e deporte impulsado desde diferentes institucións, entre elas a Xunta de Galicia.


Concretamente, dáse conta do programa de dinamización lingüística Espello Deportivo que, no ano 2013, impulsaron as secretarías xerais de Política Lingüística e para o Deporte, en colaboración coas deputacións da Coruña e de Ourense, para levar a 36 concellos galegos encontros con deportistas de elite (Chano Rodríguez, Sofía Toro e Juan Antonio Saavedra) e co actor, director e produtor audiovisual ourensán Rubén Riós, destinadas á mocidade no marco da programación de actividades que puxo en marcha ese ano a Rede de Dinamización Lingüística.

Colaboración co Consello a Cultura Galega


A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, forma parte da comisión organizadora dos Encontros para a Normalización Lingüística. Ademais, mantén un marco estable de colaboración co Consello da Cultura Galega en materia de promoción do uso da lingua propia de Galicia desde 2010, plasmado nun convenio entre ambas as institucións que se renova anualmente.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua