O alumnado de galego do instituto londinense Cañada Blanch chega a Santiago na súa ‘Viaxe da lingua’

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística e o subdirector xeral da Emigración e das Comunidades Galegas recibiron  hoxe aos estudantes que están a visitar a Galicia para perfeccionar o seu galego e o coñecemento da nosa cultura

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2019.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o subdirector xeral da Emigración e das Comunidades Galegas, Antonio Casas Calviño, recibiron hoxe na praza do Obradoiro ao grupo de tres docentes e 28 estudantes de galego do IE Cañada Blanch de Londres que percorren Galicia desde o martes en viaxe de estudos patrocinado polas secretarías xerais de Política Lingüística e da Emigración. Son algo máis dun terzo dos 75 alumnos e alumnas que estudan o galego no centro educativo londiniense grazas ao convenio asinado, no ano 1991, entre a Xunta de Galicia, por medio da Consellería de Cultura e Turismo, e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

Valentín García interesouse polas experiencias vividas e polas aprendizaxes realizadas estes días polo alumnado do IE Cañada Blanch, a quen animou a seguir perfeccionando o noso idioma. “Vós estudades o galego porque comprendedes que non hai linguas pequenas e que, no mercado laboral ao que, máis cedo ca tarde, ides saír, dominar un código que pouca xente en Londres ten a oportunidade de estudar pode resultar unha vantaxe significativa”, díxolles o secretario xeral de Política Lingüística.

A ‘Viaxe da lingua’

Como cada ano, os alumnos e alumnas que estudan o galego no IE Cañada Blanch de Londres da man da profesora Begoña González chegaron á nosa comunidade para realizar a que denominan Viaxe da lingua, unha actividade que ten o obxectivo de perfeccionar, á par do seu coñecemento cultural, o do idioma propio de Galicia.

Para alcanzar estes fins, comezaron por visitar a praia das Catedrais e a cidade de Lugo coa súa muralla romana. Despois desprazáronse a Padrón para coñecer a casa de Rosalía de Castro e continuaron cara á Coruña, onde visitaron a Domus. En Santiago tiveron a oportunidade de asistir a un partido do equipo de baloncesto Obradoiro e desfrutar da gastronomía galega. Onte, participaron nunha xornada de intercambio lingüístico e cultural co alumando do IES Laxeiro de Lalín, aínda que tamén tiveron tempo para as visitar o Castro Tecnolóxico da vila pontevedresa, o Museo Etnográfico Casa do Patrón e as Termas de Outariz, en Ourense. O completo programa de actividades dos estudantes do IE Cañada Blanch completarase hoxe, tras o encontro co secretario xeral de Política Lingüística, cunha visita a Santiago de Compostela que incluirá a Catedral e o seu Pórtico da Gloria

Departamento: Tema: Educación, Lingua, Emigración