Volver

Certame aRi[t]mar Galiza e Portugal 2017-2018

O próximo 31 de outubro, no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela, celebrarase a Gala dos Premios da Música e da Poesía Galego-Portuguesas aRi[t]mar, que este ano recoñecen os textos de Lois Pérez e de Alexndre Brea Rodríguez e as cancións de Salvador Sobral e A banda da Loba. Todos eles estarán presentes na gala.

No marco do desenvolvemento da Lei Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa lusofonía, a EOI de Santiago de Compostela, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, convocou os premios aRi(t)mar Galiza e Portugal. Este proxecto didáctico-cultural ten por obxectivo dar a coñecer e difundir cada ano a poesía e a música editadas no ano anterior en Galicia e en Portugal, amais de achegar as linguas e as culturas que configuran os dous territorios ás dúas beiras do Miño.

O certame ten varias fases: na primeira, un xurado selecciona os 10 mellores poemas en galego, os 10 mellores poemas en portugués, as 10 mellores cancións en galego e as 10 mellores cancións en portugués; deseguido, realízanse as votacións virtuais para elixir canción e o poema gañadores de cada modalidade; e, por último, os artistas gañadores, xunto cos poetas escollidos posteriormente, actuarán en outubro na Gala de Premios aRi[t]mar Galiza e Portugal.

Poesía

As poesías finalistas galegas foron da autoría de Eli Ríos, Fran Alonso, Lois Pérez, Lupe Gómez, Marta Dacosta, Olalla Cociña, Pura Tejelo, Sther F. Carrodeguas, Xulio L. Valcárcel e Xurxo Alonso.

En Portugal, resultaron seleccionadas as de Alexandre Brea, Rosa Oliveira, Claudia R.. Sampaio, Madalena de Castro, José Miguel Sivla, Rui Almeida, Golgona Anghel, Ana Luísa Amaral, Manuel Afonso Costa e Nuno F. Silva.

Logo do proceso de votación polo público dos poemas finalistas do certame, os gañadores foron Lois Pérez, por “Blues do rei Bergman = B.B. King (Long Play, Xerais, 2017), e Alexandre Brea, por “Com o ritmo da chuva” (O livro branco, Livros de Ontem, 2017).

As seguintes clasificadas foron Eli Ríos (Galiza), por “Arróstrasme Ítacas”, e Cláudia R. Sampaio (Portugal), por “Sou mulher de vestígios fáceis e dignos” e, en terceiro lugar, Marta da Costa (Galiza) por “Tira a roupa” e Ana Luísa Amaral (Portugal) por “Aprendizagens”.

Música

Os votos populares emitidos no certame aRi[t]mar Galiza e Portugal promovido pola Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Santiago de Compostela, en colaboración coas secretarías xerais de Política LIngüística e de Cultura da Xunta de Galicia, determinaron os gañadores polo mellor tema musical publicado en Galicia e en Portugal en 2017: "Bailando as rúas" de A banda da Loba e "Amar pelos dois" de Salvador e Luísa Sobral.

Mellor canción galega 2017

A banda da Loba, por "Bailando as rúas".

Os seguintes intérpretes máis votados foron De Vacas, por "Amodiño", e, en terceiro lugar, MJ Pérez, por "Casandra".

Mellor canción portuguesa 2017

Salvador e Luísa Sobral, por "Amar pelos dois"

Os seguintes intérpretes máis votados foron Tiago Bettencourt, por "Se me deixasses ser", e, en terceiro lugar, Ana Bacalhau, por "Leve como uma pena",  mais Carolina Deslandes, por "A vida toda".

 

Premio especial do xurado

O xurado da presente edición decidiu outorgar un Premio especial á embaixada da amizade galego-lusófona que recaeu sobre o proxecto Converxergências Portugal-Galiza impulsado desde o Centro de Estudos Galegos da Universidade de Braga co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.