Volver

Dicionario da fala valdeorresa

A Fundación Florencio Delgado Gurriarán, co apoio da Secretaría Xeral da Lingua, puxo en marcha unha plataforma colaborativa para recoller o léxico propio de Valdeorras. Trátase dunha ferramenta en liña que facilita as achegas da veciñanza e que está coordinada pola Comisión de Lingua da Fundación, que é a que vai validando os termos recibidos e argumentando a súa posible inclusión no dicionario da fala da comarca.

A plataforma inclúe unha sección de termos e outra de refráns. Tamén dedica un espazo a artigos de divulgación sobre a lingua. O obxectivo principal deste proxecto é a recuperación, conservación e estudo do léxico propio da comarca, tal e como xa iniciara o propio Florencio Delgado Gurriarán, un traballo que deixou inacabado. As peculiaridades léxicas da comarca teñen moito que ver coa súa identidade paisaxística e sociocultural, con formas que identifican, por exemplo, a súa peculiar flora mediterránea, os seus oficios e as súas tradicións. Como zona de paso de comerciantes, de tradición mineira e viticultora, en Valdeorras cultivouse un léxico moi rico (louxeiro, vindimarego…) e así o atopamos na obra de Gurriarán, quen empregou a lírica para poñer en valor a súa fala natal.