Volver

A Xunta convoca as probas de acreditación do Celga

Os exames realizaranse en Santiago de Compostela e Ponferrada entre os meses de maio e xuño

O prazo de inscrición ábrese desde mañá ao vindeiro 3 de abril

  • Convocatoria

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2020.- A Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia e no Portal da Lingua Galega a Resolución do 6 de marzo de 2020 pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2020.

O prazo para solicitar a participación nestes exames e aboar as taxas correspondentes comezará mañá, 13 de marzo, e prolongarase ata o vindeiro 3 de abril. As persoas que desexen inscribirse deberán cubrir o formulario de solicutde que se publica na sede electrónica da Xunta de Galicia. Terán que indicar nel a proba ou probas a que solicitan presentarse, así como a localidade, e dirixilo á Secretaría Xeral de Política Lingüística preferentemente por vía electrónica.

As probas celebraranse en Santiago de Compostela -niveis Celga 1, 2, 3 e 4- e Ponferrada -niveis Celga 2, 3, e 4- entre os meses de maio e xuño. As datas concretas serán publicadas no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística. As sedes e horarios de realización publicaranse no Portal da Lingua Galega a canda as listas definitivas de persoas admitidas.

O sistema Celga

O Celga é o certificado en lingua galega que expide a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e que acredita o coñecemento da lingua en cinco niveis: Celga 1, Celga 2, Celga 3, Celga 4 e Celga 5. Trátase dun modelo de aprendizaxe, ensino e avaliación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas definido polo Consello de Europa, no que se describen os coñecementos e habilidades que se contemplan en diferentes niveis para que a comunicación sexa eficaz.

Departamento: Secretaría Xeral de Política Lingüística Tema: Formación ocupacional e continua Areas: O galego... aprendelo