Volver

O proxecto Ponte...Nas Ondas! cumpre 25 anos

O secretario xeral de Política Lingüística participou na rolda de prensa na que se deron a coñecer as iniciativas previstas para a celebración dos cinco lustros de posta en valor do patrimonio inmaterial galego-portugués

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2020.- O proxecto Ponte... nas Ondas! cumpre 25 anos poñendo en valor o patrimonio inmaterial galego-portugués. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais presidente da asociación Ponte... nas Ondas! deron a coñecer hoxe en rolda de prensa as iniciativas prevista para a celebración destes cinco lustros, nas que colabora a Consellería de Cultura e Turismo.

García Gómez destacou “a importancia da posta en valor dun legado histórico común, enraizado no patrimonio cultural galego-portugués, que pervive a ambas as dúas beiras do Miño, e das accións de cumprimento da Lei Paz-Andrade”. Participou canda eles na presentación, a vicerreitora de Ciencias da Comunicación, Alba Silva.

Importante colaboración desde o ámbito do ensino

Na celebración dos 25 anos de Ponte... nas ondas!, cuxas citas se irán concretando nas vindeiras semanas, está prevista a participación de escolas e institutos de Galicia e do Norte de Portugal e tamén a colaboración das emisoras de radio públicas e locais. Preto de 55 centros educativos e tamén grupos das Universidades de Santiago, Vigo e Trás-Os-Montes participarán nos programas desde os 22 lugares de emisión repartidos por toda a Eurorrexión, ademais dos programas que serán realizados nos propios centros educativos.

Desde a Universidade de Vigo farase a coordinación e a emisión en streaming de audio e vídeo realizado por Uvigo TV, a televisión da Universidade de Vigo, a través do portal Escolas nas ondas (www.escolasnasondas.com). No auditorio do edificio Miralles desenvolverase unha programación elaborada en directo por centros educativos de Vigo e comarca con convidados e actuacións musicais como a de Magín Blanco e Mª José Pérez, entre outros. Tamén na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela desenvolverase unha programación especial entre na que participarán alumnado da Facultade e de centros educativos de Santiago.

Especial relevancia do papel da muller

No programa terá especial relevancia o papel da muller no contexto cultural galego-portugués. Para falar de machismo no mundo tradicional participarán as gaiteiras Saudade de Ribadeo, o primeiro grupo de mulleres gaiteiras de Galicia e do resto do mundo, que comezaron a tocar a gaita nun contexto no que só homes podían facelo. Tamén Susana Seivane e Tanxugueiras achegarán a súa mirada, presentarán os seus novos proxectos e porán banda sonora ao evento.

Música, regueifa, mesas redondas e programas de radio en directo

Música e historia estarán presentes nesta xornada de Santiago a través do proxecto de innovación social interxeracional Vulnerables de Xaime Fandiño que, con Deteriorados, farán das cancións un vehículo perfecto co que contar historias. Outro tipo de historias serán das que fale Leo i Arremecághona que dará unha clase maxistral de regueifa e repentismo galego.

Pero sen dúbida, un dos contidos estrela da xornada será unha mesa redonda sobre lingua e sobre o patrimonio cultural galego-portugués que se constrúe sobre esa lingua. Ademais faranse programas en directo desde distintas emisoras galegas e portuguesas, como Radio Universitaria do Miño (RUM) desde Braga, Radio Piratona, Radio Redondela, Radio Allariz, Rádio Montalegre, Radio Afifense, Radio Caminha, Radio Tui, Onda Cero Monforte, Cadena SER Carballiño, Radio Fene, Radio Ames, CUAC FM, Radio Vale do Minho e Radio Cultural de Cerveira.

Por último, distintos centros educativos uniranse á celebración con programas especiais desde as súas radios escolares. Tamén se realizarán emisións dende Ponteareas que acollerá no auditorio municipal Reveriano Soutullo unha programación en directo realizada polos centros educativos, algo que tamén se fará dende o auditorio municipal de Chaves e que será retransmitido por Radio Chaves ou desde o Instituto Audiovisual de Vigo.

Colaboracións especiais, conexións en directo e documentais

Varios artistas, como Magín Blanco, Uxía, Dulce Pontes, Vozes da Rádio e Voces del más acá estrearán temas compostos para esta conmemoración do 25 aniversario de Ponte...nas ondas! Están tamén previstas distintas conexións con emisoras de radio comerciais de todo o Estado e de Portugal. Durante toda a xornada do 27 de marzo, un equipo de profesionais desprazarase aos distintos estudios de radio e lugares de realización para gravar as emisións e as colaboracións musicais coa finalidade de elaborar un documental que mostrará toda a actividade desenvolvida.

25 anos de boas prácticas

Ponte...nas ondas ! vén desenvolvendo ao longo deste período actividades de dinamización e transmisión do patrimonio inmaterial galego-portugués ás novas xeracións de Galicia e de Portugal. Entre outros recoñecementos obtivo o selo de “Buena práctica Iberoamericana” polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte de España ou o Premio Ondas á “mellor cobertura informativa” do patrimonio inmaterial galego-portugués. En 2016 foi acreditada pola UNESCO como ONG consultora para o patrimonio inmaterial.

Tema: Dinamización Areas: O galego... promovelo