Valentín García participa na entrega do I Premio Alberte Quiñoi a Gloria Pavía, pola obra Eva, a carteira espacial

Volver
  • Entrega do I Premio Alberte Quiñoi a Gloria Pavía
  • Entrega do I Premio Alberte Quiñoi a Gloria Pavía

A Estrada (Pontevedra), 26 de maio de 2021.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe ao serán no Teatro Principal estradense no acto de entrega do Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado á música compostelá Gloria Pavía, pola obra Eva, a carteira espacial. O galardón, convocado polo Concello da Estrada co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, e a colaboración de Editorial Galaxia, “fomenta a literatura escrita en galego e a lectura entre a nosa xente miúda para recordar e homenaxear a Manuel García Barros a través do seu personaxe máis entrañable, o cativo Alberte Quiñoi”, destacou o secretario xeral, quen felicitou á autora gañadora “por contribuír a estes obxectivos cun traballo tan coidado tanto desde o punto de vista lingüístico como estético”.

Participaron canda el e a galardoada, o alcalde estradense, José López Campos; o director xeral de Galaxia, Francisco Castro, e a editora da obra, Sara Valcárcel.

Aventura galáctica ilustrada

Eva, a carteira espacial é a primeira obra ilustrada de Gloria Pavía que narra a aventura galactica dunha carteira especial e espacial, que vive na Lúa e viaxa desde o espazo exterior na busca do pequeno Plutón para entregarlle unha misiva, xa que deixou de ser un planeta e xa non recibe correo. O libro sae do prelo de Galaxia e a gañadora recibirá un único premio de 2000 euros, tal e como estableceron as bases do certame, ao que concorreron máis dunha trintena de traballos, entre os que se impuxo este, en palabras do xurado: “unha proposta moi expresiva con ilustracións orixinais e cunha linguaxe propia que nos adentra nun mundo evocador cunha paleta de cores impactante e atractiva”.

Autora novel

Gloria Pavía (Compostela, 1999) é unha escritora novel que concorreu ao Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado 2021 baixo o pseudónimo de Sonia Rollings e que compaxina a súa carreira de música e compositora coa súa faceta de ilustradora, que se pode ver exposta  en perfís das redes sociais como @globorebi.